Opinión

Diante dunha 
nova crise?

Moitos analistas dan por feito que estamos a piques de entrar nunha nova crise mundial, por mor dun menor crecemento de China (6,7% o último ano), e da queda nas economías emerxentes e no comercio internacional. A isto hai que engadir, máis unha vez, os enormes pasivos da chamada banca sistémica. Tamén a Unión Europea axuda o seu nesta tendencia, xa que non dá consolidado un crecemento sostido, especialmente naquelas economías que actúan como locomotoras, como Alemaña. A decisión do BCE de prestar diñeiro ao 0% (en beneficio da banca privada novamente) confirma a gravidade do momento. Outra cuestión é que esta sexa unha resposta axeitada, xa que desalenta o aforro, e dá folgos ao xogo de casino na Bolsa e á especulación co troco de divisas e co mercado de “futuros”, por exemplo de materias primas.

O problema de fondo é que o consumo segue sendo moi débil, polo retroceso dos salarios, o medre da desigualdade social e dunha política cada vez máis agresiva dos Estados Unidos. Como parte desta dinámica retornou a especulación financeira, alentada pola flexibilidade cuantitativa e os baixos xuros, así como polas políticas sociais regresivas (que pra o capital nunca son abondo). Todo isto como consecuencia da aposta das grandes potencias pola globalización, e unha economía de escala que beneficia a centralización e concentración da riqueza e do poder en moi poucas mans e nos estados máis fortes. A desfeita ecolóxica, as emigracións forzadas, e o xenocidio demográfico, que en certos países, como na Galiza, son parte dos danos colaterais de políticas que sacralizan o lucro. Unha tendencia que vai en aumento, mesmo no que algúns consideraban, cun criterio moi simplista, territorios que forman parte do centro do sistema, como se o aspecto xeográfico fose o determinante.

Un indicio do esgotamento do capitalismo foi que, ao encetar a crise de 2008, Sarkozy falase da súa refundación. Unha hipótese rapidamente desbotada polos donos do diñeiro. Aquela situación, que algúns xa daban por superada, seica volve agora con igual ou máis forza. No ano 2015, o comercio internacional, malia que medrou en toneladas, caeu por vez primeira dende 2009 nun 13,8% en dólares. Esta diverxencia ten a súa lóxica, dado o recuar no prezo das materias primas e da enerxía, especialmente o petróleo. Algúns analistas alertan que isto marca unha tendencia que levará a números vermellos o comercio internacional tanto no relativo á cantidade como ao valor. E, dado o grao de globalización da economía, isto implica que se contraerá a economía a nivel mundial, e cuestiona a globalización como locomotora do crecemento. Os analistas críticos tamén destacan que os organismos internacionais pecan de optimismo nas previsións, xa que pretenden alentar o consumo e canear os neboeiros que se aproximan. E fano, mesmo que estes organismos se visen obrigados a rectificar á baixa en varias oportunidades as previsións de medre do PIB.

Esta tendencia atinxirá o Estado español e o noso país, cada vez máis expostos aos vaivéns exteriores. No caso de Galiza, a crise anterior saldouse cunha contracción da actividade produtiva, un duro golpe a sectores estratéxicos, perda de man de obra e de salarios e retroceso demográfico, así como un maior control polo capital foráneo das empresas máis dinámicas. A nova crise que se aveciña amosa o carácter senil do capitalismo, mais tamén que é necesario recuperar modelos económicos autocentrados e sustentábeis que non estean expostos aos conflitos entre potencias e á especulación financeira internacional. Cómpre un modelo que redistribúa o traballo e a riqueza, que teña un carácter solidario, pra evitar os procesos migratorios forzados ou que se aproveite unha man de obra universal pra concentrar riqueza e poder.

Te puede interesar