Opinión

Un estado plurinacional

Nos seus estatutos unha parte das autonomías son consideradas nacionalidades históricas, ou sexa: como nacións. Na propia constitución dise respecto do Estado español que: “recoñece e garante o dereito á autonomía das nacionalidades e rexións co integran”. Polo tanto negar o carácter plurinacional do Estado español ten un obxectivo político, claramente centralista e autoritario, que teima en reinterpretar os textos, facendo da “nacionalidade histórica” parte do pasado e non unha caracterización actual (e daquela que se diferencie entre nacionalidades e rexións). Mais esta reinterpretación nesgada (das clases dominantes) non só ignora a historia senón a realidade cotiá, como é a existencia dunha lingua propia, formas culturais particulares. Ao que cómpre engadir a forza do sentimento de pertenza a un colectivo por parte das nacionalidades históricas, que se reflicte nun gran número de organizacións cinguidas en exclusiva a ese ámbito: políticas, sociais, sindicais, culturais, etc.

Manter latente unha caracterización correcta da cuestión nacional semella ser un dos motivos polo que Vía Galega vai realizar esta semana un encontro en Santiago de Compostela, ao se cumprir o 90 aniversario de Galiza ser recoñecida internacionalmente como unha nación e o povo galego un suxeito político diferenciado titular de dereitos colectivos. Este recoñecemento fíxose no IX Congreso de Nacionalidades Europeas, que defendía ante os estados e organismos internacionais o respecto dos dereitos elementais das minorías nacionais Nacións sen estado propio). O Congreso de Nacionalidades Europeas foi unha organización con status de observadora na Sociedade de Nacións, esta foi constituída despois da Primeira Guerra Mundial (e o antecedente das Nacións Unidas. A este congreso asistiu en representación do Partido Galeguista (PG) Plácido Castro que leu unha intervención en galego e inglés en nome de Suarez Pícallo, Castelao e Otero Pedrayo, que daquela deputados polo PG no Parlamento español. O encontro realizouse do 16 ao 18 de setembro en Berna, Suíza. 

Cómpre lembrar que a nación galega tivo plena soberanía durante amplas etapas. O Reino Suevo da Gallaecia foi o primeiro xurdido despois da caída do imperio romano de occidente. O historiador magrebí de Fez, Ibn Idari informa que Al-Muzaffar (1045-1063) acordou con Fernando rei dos galegos a entrega de cinco mil dinares desde o comezo da tregua. Evidentemente refírese a Fernando I que agora a historiografía dominante retrata como Rei de Castela e León. Non foi a única experiencia dun reino propio dos galegos e galegas, no período do ano 910 ao 929, Ordoño II e Sancho Ordóñez foron reis únicos de Galiza e despois seríano de León. Mais coñecido é García (1065 a 1072). E, por último Afonso VII foi entre o 1111 e 1126 só rei de Galiza. 

Xa máis achegado no tempo, “na loita contra a ocupación napoleónica Galiza comenza a guerra contra os franceses e a reorganización política a administrativa do Reino con absoluta independencia e exercendo unha soberanía que nunca puxeron en dúbida” (Barreiro Fernández, Historia de Galicia). As ideas centralistas foron gañando forza, ao que axudou legalmente a supresión dos reinos e a substitución por sistema provincial que fracturaba a nación. Daquela a revolución cívico militar de 1846 e as palabras de Antolín Faraldo: “Galiza arrastrando ata aquí unha existencia oprobiosa, convertida nunha colonia da Corte, vaise levantar desta humillación e abatemento (...) galegos contando co voso apoio logrará –a Xunta- que a nosa provincia sexa temida e respectada”. 

A existencia dunha realidade plurinacional non se pode negar, é evidente, é parte das contradicións. A única saída é recoñecela con todo o que iso implica, en dereitos, pra superar o centralismo. 

Te puede interesar