Opinión

A estratexia da confrontación

O cumio da OTAN realizado en Madrid, no que se xuntaron uns 40 xefes de Estado, entre os que que integran esta organización militar e socios doutros países, optou por botar máis leña ao lume, algo lóxico tendo en consideración que os acordos que tomou na reunión previa o G-7 ían nesta liña. Ademais está é a estratexia histórica dos Estados Unidos que sempre foi a da confrontación. Utilizou a forza ali onde atopou atrancos pra impoñer os seus obxectivos económicos e políticos. Así se reflexa nos tan populares filmes de vaqueiros, na extensión das armas na súa sociedade, que son consideradas parte esencial da liberdade por unha maioría. 

Ten a súa lóxica que esta sexa a resposta primaria de Washington. Vexase seu axer no Afganistán, pra logo marchar de súpeto e dando un portazo, deixando atrás a aliados e ducias de milleiros de persoas que comprometeu na súa aventura colonizadora; conxelando as divisas do país... Daquela que resulte incomprensíbel que a Unión Europea se una a esta estratexia de confrontación con Rusia e China, máxime tendo en conta os antecedentes como as dúas guerras mundiais, e o fracaso da súa colaboración con USA en Afganistán, e a desfeita que implicou pra os povos que seica ian salvar as intervencións en Iraq, Libia, Malí, etc. 

Que pasa coa UE, cando algúns dos seus presidentes adícanse a insultar a Putin e todos/as coinciden en demonizar aos rusos/as. Cren realmente que van gañar a guerra na Ucraína? Porque pra conseguilo terían que intervir máis directamente e converter toda Europa nun campo de batalla. Non será que, pra alén da escenificación, o obxectivo é desgastar a Rusia como din algúns dirixentes “occidentais” e analistas? Se fose así, tampouco estaría garantido este obxectivo, nen no eido económico nen no político. Até o momento as sancións contra Moscova convertironse nun búmerang elevando a inflación e restando PIB dos executores, amosando a súa ineficacia nun mundo globalizado, e que o mercado interior ruso é máis forte do esperado. Un mundo no que a Federación Rusa non só é unha gasolineira, xa que é esencial na produción e exportación de moitos minerais, madeira, cereais, fertilizantes,... porén tamén no enriquecemento do uranio, na navegación ao espazo, en medicamentos, etc. Ademais xa se lle impuxeron sancións no ano 2014 e superounas.

A Washington viulle ben esta guerra, aínda que non medise correctamente os efectos tan adversos no eido económico pra os promotores das sancións. Mais, colocou colocou a todos os seus aliados ao rabo das súas decisións tanto contra Rusia, como catalogando a China como o adversario sistémico. Daquela que o cumio da OTAN reforzase a división do mundo en dous polos, e ademais revalorizase o papel hexemónico dos Estados Unidos no bloque occidental; en beneficio das súas empresas de armamento, da enerxía, etc.

Mesmo na irreal hipótese de que a Ucraína vencese a Rusia, despois dunha longa guerra con intervención directa da OTAN isto implicaría un reforzamento de Zelenski, dun governo que coquetea e está integrado por forzas admiradoras do nazismo, ligadas a figuras como Bandera. Tampouco se pode obviar que Kiev malia os acordos de Minsk nunca recoñeceu a realidade plurinacional e outorgar a autonomía ao Dombas, apostou pola solución represiva (con 14.000 mortos/as polos bombardeos). Ou que, a invasión rusa serviulle como escusa pra excluír do parlamento e ilegalizar a todos os partidos de esquerda, incluíndo o segundo en representantes, seica eran “pro rusos”. E, nesta situación non optaría Moscova pola solución nuclear?... Esta guerra debilita a todos menos aos Estados Unidos, daquela que a alenten, o que di moito do que entenden por democracia e soberanía. Faino porque ten seguidores, especialmente na UE. Preocupante. 

Te puede interesar