Opinión

Facer negocio queimando o futuro

O único xeito de Estados Unidos manter esta hexemonía no ámbito da economía é a asociación con outros países do actual centro do sistema, como os que integran a Unión Europea, e Xapón, Corea do Sur, Canada, Australia, etc. E iso implica cambios respecto da súa actitude nas últimas décadas, nas que impuxo máis o ditado que o acordo, en beneficio exclusivo dos seus intereses económicos e xeo-estratéxicos. E, non axuda na construción dun proxecto compartido, e nas relacións cos seus aliados, que o complexo militar-industrial sexa unha das columnas da economía dos Estados Unidos, xunto co papel dominante no ámbito da comunicación, información e cultura de masas, xa que estes sectores sustentan seu dinamismo na confrontación e na imposición do modelo de sociedade desta potencia (das súas clases dominantes).

Daquela as cotiás contradicións entre o relato e a práctica do imperio, e que o cambio do partido no governo non signifique modificacións importantes na política exterior. E, a esta altura do capitalismo, globalizador e neoliberal, e súa incapacidade pra dar resposta a desfeita ecolóxica e desigualdade crecente, tampouco implica cambios significativos nas política internas. O esgotamento do modelo resulta evidente cando se contrasta o inmenso despregue de tropas (173.000 soldados e persoal), en 254 bases e instalacións militares, en 80 países do mundo, co feito de que fosen vencidos en Afganistán pola guerrilla, non puidesen controlar Iraq, Somalia, etc.

Un aparello militar tan inmenso, e o apoio das potencias aliadas, só serviu pra estragar os países ocupados, facelos ingobernábeis e alentar as organizacións terroristas. Maior fracaso imposíbel en relación coa democracia, a paz, e o desenvolvemento. O único beneficio foi facer máis necesario agrandar o complexo industrial-militar pra protección dos reais e imaxinarios inimigos externos.

Ademais, malia o tempo pasado dende a Segunda Guerra Mundial e a desaparición da URSS aínda se manteñen 34.000 efectivos do exército norteamericano en Alemaña, 12.300 en Italia, 9.300 en Inglaterra, así como 57.300 en Xapón e 28.500 en Corea do Sur. Dirase que moitos son países da OTAN, vale, porén non hai un só soldado deses países nos Estados Unidos. O privilexio da ocupación é evidente, e seu carácter perpetuo tamén. Un exemplo de que a capacidade de decisión está nas mans de Washington, como se amosa co pedido do Parlamento e Governo de Iraq solicitando que abandonen o país as tropas norteamericanas nen que fose tido en consideración.

Polo que, pra alén dos movementos de tropas e instalación de foguetes nas fronteiras entre a Unión Europea e Rusia, e das sancións, o perigo do armamentísmo, que xoga con lume cando hai armas atómicas polo medio. Ademais, amosa que a Unión Europea a esta altura carece de soberanía política e militar. Todo depende de Washington e o Pentágono.

Te puede interesar