Opinión

Falta mau de obra ou hai empregos inaceptábeis

Apatronal galega, sumándose ao discurso da española (e a norteamericana), insiste en que entre os obstáculos aos que se enfronta acotío están os altos impostos e a falta de mau de obra. Nesta última cuestión teima en que hai unha oferta de 15.000 empregos que non se dan cuberto, polo que debilitaría no futuro o crecemento da economía e do emprego. Un xeito de crear unha corrente de opinión que culpa á clase traballadora de non facer o esforzo necesario pra desenvolver a Galiza. 

En fin, que a patronal é unha vítima. Pode selo nalgún caso, mais se temos en consideración o medre constante da súa participación no PIB a fotografía é todo o contrario. En realidade os postos de traballo que non se ocupan son a excepción en relación co conxunto do emprego. No segundo trimestre había 119.700 persoas no paro, que multiplican por oito a oferta de emprego seica non cuberta. Ademais, se a estes parados/as sumamos aqueles que non figuran por distintas razóns, por exemplo, porque estando no paro son fixos-descontinuos, ou están realizando cursos de formación ocupacional... as cifras de paro real son máis altas. Polo tanto, a patronal galega carece de argumentos cando di que falta man de obra. Unha de cada dez persoas está parada!!!  

Vexase que a CEG non vincula coa falta de mau de obra a calidade do emprego ofrecido, tanto respecto da xornada como do salario, e mesmo do lugar onde se ofrece, cuestións todas elas que teñen a súa importancia. Ao que temos que engadir, como unha limitación, consecuencia dos baixos salarios e da precariedade, que a natalidade sexa moi inferior á mortalidade, e a taxa de emigración siga sendo moi alta. A mocidade non marcha por sede de aventura, deixando atrás familia e amigos, aínda que unha minoría poda poñer en primeiro plano estas cuestións, senón que emigra pola pouca e mala oferta de emprego. 

Resulta evidente que o discurso da patronal busca aumentar a man de obra de reserva, debilitando ao movemento obreiro, pra reducir custes e aumentar beneficios. Trátase de  incentivar a entrada de inmigrantes, no caso galego de ser posíbel descendentes de persoas emigradas, especialmente de “retornados”.  En realidade a maior parte dos inmigrantes non son retornados, porque nunca viviron aquí son sinxelamente venezolanos, arxentinos, colombianos, cuxos pais ou nais, avós e avoas, son galegos/as... Tampouco se pode ignorar que máis da metade dos inmigrantes viven na Galiza en condicións de vida arrepiantes, por debaixo da liña de pobreza e realizando horas estras que non cobran ou polas que non se paga á seguridade social. 

Esta precariedade tamén abrangue aos nacidos no país, e non é un problema de formación profesional, senón por pura e dura explotación, que as veces se disfraza de supervivencia da empresa e do emprego, e máis cinicamente coa escusa de que se quere desenvolver a nación. O que contradín os datos económicos, porque o investimento no exterior das empresas residentes na Galiza multiplica varias veces a entrada de capital de fóra. Xerando emprego neto no exterior. 

Sen dúbida este é un tema delicado e agravado coa globalización neoliberal, consecuencia opresión e da sobre explotación laboral da periferia, que se incrementa canto maior é o grao de dependencia nacional (como moi ben ten analizado Rui Mauro Marini). Ante todo, trátase de clarificar as razóns reais da patronal pra substituír o emprego de residentes por foráneo, facendo da excepción a regra xeral. Hai que fomentar políticas de integración dos/as inmigrantes, evitar que sexan utilizados como ariete contra as conquistas laborais, ou sexa, cómpre que teñan traballos dignos. Non falta man de obra, hai miles de miles de galegos/as no desemprego así como traballando no resto do Estado e da UE. 

Te puede interesar