Opinión

Os fantasmas do Perú

O Perú é noticia nos últimos seis meses esencialmente pola caída de sucesivos governos, e o nomeamento duns novos por parte de Pedro Castillo (neste caso xa é o cuarto). Esta inestabilidade debese en boa medida a que está en minoría no Parlamento, e este, ademais de moi fragmentado politicamente, conta con atribucións pra destituír aos ministros/as e ao mesmo Presidente. Zaíra Arias dirixente xuvenil de Perú Libre, partido polo que se presentou ás eleccións o actual Presidente, valora que: “embestido pola dereita e criticado pola esquerda, da que se afasta cada vez máis, Castillo vai á deriva con intencións de provocar o seu propia naufraxio”. E engade “danos moita pena que nas negociacións pra este novo gabinete prevalecese máis unha vez o oportunismo e non unha proposta sincera, madura e política (...) o Presidente perdeu boa parte da credibilidade”. 

Unha reflexión moi critica e dura, máxime cando ven das propias filas. Preocupante, porque coa elección de Pedro Castillo, un ensinante e sindicalista combativo do Perú pobre e marxinado, sumaba máis efectivos ao viraxe á esquerda que se está a producir na América Latina, como no caso de México, Arxentina, Bolivia, Chile, Honduras... E sendo verdade que a desigualdade medrou moito nas últimas décadas, malia o crecemento da economía e as exportacións de recursos primarios (China é o primeiro socio comercial), tamén é certo que segundo datos previos da CEPAL é o segundo país que máis creceu no ano 2021 na rexión, un 13,5% do PIB, fronte a unha caída do 11% no ano 2020 por efecto do covid-19.

O negativo, segundo o Banco Mundial: “a recuperación do mercado laboral foi lenta e o emprego en Lima en empresas de máis de 10 traballadores aínda estaba un 20% por debaixo do seu nivel previo á pandemia o pasado mes de agosto de 2021. As mulleres e os mozos víronse desproporcionadamente afectados pola perda de empregos formais”. Ademais, un 38,9% da povoación de menos de 14 anos está por debaixo do chanzo da pobreza. Son retos difíciles de superar sen medidas redistributivas, máxime nun contexto tan regresivo para as clases populares como o xerado pola pandemia e as políticas neoliberais dos governos anteriores. 

Unhas medidas progresistas que se poderían levar adiante tendo en consideración o rebote da economía perante 2021, e que os prognósticos pra 2022 da CEPAL son positivos, sobre un 5% de medre do PIB, é dicir dobran crecemento esperado na América Latina. Mais os atrancos están no plano social e político, ou sexa, na correlación de forzas. Todo reflicte que os partidos de centro dereita e dereita bloquearan toda medida que afecte os intereses dos grandes grupos empresariais, tanto nacionais como estranxeiros. Non semella que en Perú exista un movemento social tan organizado como en Bolivia. Collerá pulo abondo a mobilización nunha situación tan excepcional coma a actual como para condicionar o marco institucional? Neste aspecto axudaría unha actitude firme e combativa por parte de Castillo respecto dos compromisos electorais que realizou. 

Segundo analistas progresistas a única lóxica deste novo gabinete seica é repartir os ministerios pensando en gañar votos no Congreso, “polo que hai ministros/as de dereitas, moi conservadores, neoliberais, estatistas, pragmáticos, feministas (...) Ao mesmo tempo existe unha demanda de dimisión ou imputación do presidente polo Congreso que ten apoio de cidadáns da dereita, do centro e da esquerda. Hai unha reacción cidadán de cansazo contra Castillo”. Estes analistas coidan que non se manterá no poder. Semella que se repite a nefasta experiencia de Ollanta Humala, cando moitos esperaban volver a tempos de Velasco Alvarado que nacionalizou a banca e os recursos mineiros, entre outras medidas progresistas. A situación non pinta ben.

Te puede interesar