Opinión

Unha folga xeral nos vindeiros meses?

Opasado día 9 de outubro realizouse o VIII Congreso da CIG, na que non houbo grandes novidades no interno: candidatura única, reelección de Paulo Carril como secretario xeral. Ratificáronse os principios e obxectivos, actualizouse todo o referente ao medre da dixitalización, os efectos do covid-19 e da pos-pandemia, e os grandes retos pendentes: desmantelamento industrial, derrogación reforma laboral e das pensións, reparto e utilización dos recursos europeos. Nestes últimos aspectos discutiuse a convocatoria dunha folga xeral senón hai solucións reais inmediatas. Un tema de releve que debullarei máis adiante neste artigo.

Non se pode obviar que a central sindical nacionalista fortaleceuse, malia a fragmentación da clase traballadora e o recuar en dereitos das últimas décadas, como consecuencia das políticas neoliberais, da deslocalización e da economía de escala, da crise de 2008, e da uberización dunha parte das relacións laborais. A CIG é hoxe a primeira central en número de delegados e delegadas, sobre un 30%, ten uns 74.000 cotizantes, está presente na inmensa maioría das accións defensivas ou reivindicativas a nivel de empresa e sector, e desenvolve unhas amplas relacións internacionais.

Este crecemento organizativo é resultado de manter, pra alén da diversidade, unha liña na que se combina axeitadamente a mobilización e a negociación. Ou sexa que non hipoteca a mobilización á negociación como sucede por parte daquelas centrais que focalizan toda a súa estratexia no pacto social, e se mobilizan cando o proceso está esgotado, e o colectivo afectado viviu nun segundo plano a confrontación de propostas. Unha dinámica que é favorábel á patronal, xa que parte coa vantaxe de ser dona dos medios de produción e ter unha estreita relación coas estruturas de poder, no sistema capitalista. A mobilización, e a socialización das reivindicacións pra contar co máximo apoio ou complicidade da sociedade, debese desenvolver antes e perante a negociación, o que permite sentarse na mesa cunha correlación de forzas máis parella.

Tanto no relatorio de Acción Sindical, como na intervención do secretario xeral no acto de clausura e nunha resolución especifica do Congreso incidiuse na folga xeral: “levando adiante as accións necesarias pra iniciar unha intensa campaña que puidera rematar na convocatoria dunha folga xeral “de non darse avances” en reivindicacións como a dun verdadeiro plan de recuperación económica, industrialización, creación de emprego digno, defensa dos servizos públicos e dos dereitos laborais e sociais que garanta o dereito a vivir e traballar dignamente na nosa Terra e a inmediata derrogación das reformas laborais, da negociación colectiva, das pensións e do desemprego”. Con este obxectivo o secretario xeral da CIG fixo un chamamento a todos os sindicatos pra que, “se realmente se consideran dignos de seren chamados así, poñan na axenda tamén esta folga porque a loita é o único camiño”.

Nos vindeiros meses vanse vivir momentos decisivos, por unha banda haberá importantes recursos europeos (Next Generation, fondos de cohesión) pra reconstruír a economía e manter as axudas de protección social (como se repartiran?). Por outro lado existe un desmantelamento de actividades estratéxicas no país, dificultades no sector primario (agro e pesca) e en empresas moi afectadas pola pandemia. Ao que se lle engade a o problema da enerxía e a inflación, que reduce a renda real das familias e implica atrancos pra o desenvolvemento. Por outra banda, está todo o referente aos salarios, condicións laborais, pensións, servizos básicos... Hai razóns pra unha folga xeral, pra empurrar solucións, pra conseguir que teñan en conta os intereses das clases populares e da nación galega. Sería positivo que fose unha convocatoria moi socializada e ampla.

Te puede interesar