Opinión

O futuro non está escrito

A intervención de Rusia na Ucraína é, como toda acción militar, un paso adiante con graves custes humanos, e con toda seguridade esmagadores nas infraestruturas. Ademais, e non se pode obviar que a guerra pódese estender a outros países, xa que existe unha participación activa por parte dos Estados Unidos, a UE e outros aliados, como Canada, mediante o envío de armamento e sancións de todo tipo. Existe un bloqueo económico, financeiro, un control exhaustivo da información dos acontecementos, e accións de represión que atinxen mesmo a esfera do deporte. 

É evidente que Rusia invadiu a Ucraína, mais tamén resulta obvio que as potencias occidentais semellan alentar a guerra. Se non fose así, porque non obrigaron a Kiev a cumprir os acordos de Minsk (os bombardeos causaron 14.000 mortos no Dombás), e non aceptaron dar garantías de que non se colocarían mísiles nucleares (ou sexa que este país non ía entrar na OTAN). Se cadra esperan ver a Rusia derrotada e a China totalmente cercada? É un tema que teño tratado en artigos anteriores, porque todo reflicte que existe unha folla de ruta marcada por Washington, e na que a UE terminou entrando, pra dividir o mundo en dous bloques, pra cercar a Rusia e China, e terminar afogándoas polo gasto militar e co inmenso control dos medios, como fixo no seu día coa Unión Soviética. Ou sexa, occidente, optou por disputar a hexemonía, por unha guerra fría nun mundo globalizado, no que as novas tecnoloxías, tamén a da información, teñen un rol destacado.

Esta estratexia pode fracasar e, como sucedeu na década dos setenta, xurdir con forza outras opcións que se neguen a seguir esta imposición de bloques antagónicos, sempre co centro de poder hexemónico en Washington. E en Pekin como unha alternativa conxuntural. Pode nacer un novo Movemento de Non Aliñados? Será esta a postura de potencias rexionais como a India, Paquistán, México, mais tamén de Turquía (malia estar na OTAN), Arxentina, Brasil...? O futuro non está escrito, ficamos nunha conxuntura histórica e son varios os escenarios posíbeis, e a correlación de forzas pode mudar moito no futuro inmediato.

En calquera caso a globalización neoliberal tal como se viña desenvolvendo está tocada de morte. Non só pola incapacidade pra evitar a actual guerra, senón porque non se deron resolto unha morea de eivas e atrancos, como o cambio climático, a desigualdade entre clases e entre nacións, a destrución de linguas e culturas, o aumento das migracións, das intervencións e sancións, da especulación, das actividade delitivas... Se a todo isto engadimos, a decisións de conxelar os activos de bancos empresas e persoas, a presión pra fuga de grandes marcas estranxeiras, non permitir usar o swift a banca e determinadas moedas como o dólar, euro, yen e libra, etc. que representan un salto cualitativo regresivo nas relacións internacionais. Medidas que amosan con toda crueza as pesadas cadeas da globalización, pra todas aquelas nacións que non controlan estes medios ou queren manter políticas propias. En poucas palabras: hoxe é Rusia. E mañá? 

A invasión da Ucraína é un paso moi grave, é certo, mais tamén de quen empurra e non deixa saídas. De quen aplica unha dobre vara de medir. Lembremos os ataques de Arabia Saudí e Emiratos Árabes a Iemen, o trato que dá Israel e Palestina, a ocupación de forzas dos Estados Unidos de territorio de Iraq e Siria, contra a opinión do seus governos. Nestes casos non se aplican sancións, mesmo que algunhas se aproben por unanimidade nas Nacións Unidas. O imperialismo predica a igualdade e aplica a lei do máis forte. Só se ven as traxedias que interesa. Pra que haxa paz ten que se abrir paso a verdade, ou as verdades, o respecto pola diversidade das persoas, mais tamén de culturas, linguas, xeitos de entender a vida. 

Te puede interesar