Opinión

A importancia de ligar o concreto co xeral

Ten súa lóxica, en defensa do sistema a da demostración da eficacia partidaria, que as forzas políticas que governan procuren amosar acotío que a economía, o emprego, e os servizos básicos van cada vez mellor ou que nunha crise o país está menos afectado. E, como sempre hai sectores e localidades que van ben, se contan coa complicidade dos medios de comunicación, algo que sucede normalmente en beneficio dos partidos sistémicos, sexan da dereita ou da esquerda neoliberal, non lles resulta difícil presentar o que é a excepción como se fose a regra xeral. Isto ven sucedendo na nación galega perante todo o mandato de Núñez Feijóo. Se cadra tamén porque o nacionalismo democrático, nacional e popular (que futurista foi esa definición hai cinco décadas), non sempre liga a análise e reivindicación concreta coa situación xeral e co proxecto alternativo?...

Porque negalo, non todas as clases sociais, sectores económicos, empresas e localidades, están afectadas de igual xeito, hainas que lles vai ben, aínda que a tendencia xeral da nación galega sexa regresiva, por exemplo, coa media do Estado español. Polo tanto sempre hai que comparar pra poder centrar o debate en relación co transcendental, ou sexa, coa situación e co papel económico e social que ten a Galiza no Estado español (EE), na Unión Europea e no mundo. Por exemplo, é verdade que o medre demográfico é menor en Europa que noutros continentes, mais sería lóxico que o noso país seguise a tendencia do Estado español, e este non é un aspecto menor porque está ligado á creación de emprego, nivel de vida e crecemento da economía (tamén cos fluxos migratorios). 

Nos derradeiros 50 anos Galiza pasou de representar o 7,83% da povoacion do Estado en xullo de 1971, ao 6,97% en 1986, e o 5,68% no ano 2001, e seguimos a recuar malia a inmigración que hoxe representa unha parte importante dos residentes. Se mantivésemos a porcentaxe de habitantes dos anos previos ao franquismo, unha etapa na que recuamos en povoación dun xeito dramático, especialmente pola emigración, hoxe teriamos uns 3.750.000 habitantes. Ou sexa que tantos anos de governanza do PP, puideron ser positivos pra certos estamentos da povoación, que sen dúbida o foron, porén tiveron consecuencias dramáticas pra o desenvolvemento da Galiza, ao que cómpre engadir todo o relativo ao papel subalterno da lingua, cultura a historia nacional, co que iso implica respecto da construción da conciencia colectiva e da creatividade. Polo que os mellores datos de povoación fosen nos anos 2009 e 2010, ou sexa ao final de catro anos de mandato do bipartito (PSOE-BNG), malia as debilidades dunha coalizón con prioridades distintas respecto da Galiza. 

Daquela que se inviste unha gran parte do excedente empresarial e do aforro no exterior, polo que o saldo positivo na balanza do comercio exterior é un espellismo, xa que non favorece a creación de emprego na nación galega (ten moito que ver con este resultado que as empresas estratéxicas están en mans de capital foráneo, en gran medida en Madrid). O investimento “exterior”, sen considerar o interno do EE, no período de 1985 a 1997 na Galiza representou o 0,5% do PIB, mentres que en Madrid ascendía ao 6,97%, en Cataluña ao 4%, Navarra ao 3,66%... Segundo os datos de 2018, que son ilustrativos desta etapa, exportamos capital por 982 millóns de euros e recibimos 65,5 millóns. Daquela ten súa lóxica que non aumente a creación de emprego, os salarios, a natalidade e a povoación, porque a nosa economía en gran medida medida ten un papel subsidiario na cadea produtiva. A dependencia e o desigual reparto na sociedade, hai que ligalo ao emprego, os salarios, etc, e ao envés, pra ter unha panorámica correcta e ofrecer alternativas axeitadas. 

Te puede interesar