Opinión

Irlanda, o longo camiño da liberación

Hai un século, concretamente o 6 de decembro de 1921, despois dunha longa e dramática loita popular e armada contra a ocupación, o Governo británico terminou aceptando que Irlanda do Sur (excluía os condados do norte, de maioría protestante) se constituíse en estado libre no marco da Commonwealth. Lograba así condicións semellantes ás que gozaban Canada, Australia, Nova Zelandia e África do Sur. A medida, que era un avance, tiña un aspecto moi negativo xa que consagraba a división da illa, unha ferida que segue viva na actualidade. Ademais, mantivo latente no norte, tanto unha actitude discriminatoria cos “católicos”, como o conflito armado perante décadas. Unha fractura que co brexit converteuse nun punto máis de diverxencia entre o Reino Unido e a UE. O 1º de abril de 1949 Irlanda declarouse República o que de facto a desligaba do Reino Unido, e confirmaba a súa plena independencia.

Mais este proceso, anterior e posterior á constitución do Estado libre, non foi un camiño doado, tanto polas medidas represivas do Governo británico, como polas diverxencias dentro do propio nacionalismo irlandés. Por exemplo, a solución do Estado Libre en 1921 foi contestada por un sector importante do IRA (Exército Republicano Irlandés). Comezando unha loita fratricida, con atentados e execucións (77 en total), que se resolveu en abril de 1923 a favor dos que defendían o acordo. Lembremos que á declaración do Estado Libre era consecuencia directa, na súa etapa contemporánea, do levantamento de Pascua en 1916, do 24 ao 29 de abril. Este implicou un salto cualitativo na loita a prol da liberación do país, porén remataría esmagado polo exército británico, cun saldo de centos de mortos, 3.000 persoas detidas, e 15 execucións.

O Levantamento de Pascua fortaleceu a liña republicana e soberanista e deu folgos á guerra de liberación contra os británicos entre 1919 e 1921 (que custou 1.500 vidas), abrindo as portas ao Estado Libre de Irlanda e posteriormente á independencia. O nacionalismo galego seguía con interese os acontecementos en Irlanda, daquela que A Nosa Terra destacase en portada no número 129, do 5 de outubro de 1920, respecto da loita de independencia nese país: “O 12 de agosto como é sabido, fixeron prisioeiro as autoridás inglesas o alcalde de Cork, Mr. Swiney, condenando a dous anos de cadea por ter pronunciado un discurso na defensa do seu país e gardar documentos comprometedores”. Poetas como Brañas e Cabanillas reflectiron nos seus poemas a ligazón da Galiza con Irlanda, non só pola relación celtista, senón por sufrir ambas a colonización e ter desexos comúns de acadar a liberdade.

O proceso irlandés amosa ate que punto as condicións obxectivas e subxectivas poden mudar axiña, por exemplo, a actitude do povo respecto do levantamento armado, que pasou dunha oposición frontal da maioría a un respaldo enorme en poucas semanas, como reaxer á brutalidade británica. Ou, como a conquista do Estado Libre, malia súas limitacións e sobre todo a división do país, abriu o camiño pra unha Irlanda soberana dúas décadas despois, co tema da unidade pendente, mais hoxe cunha menor oposición no norte, onde o “unionismo británico” perdeu folgos.

Pra alén desta reflexión histórica, respecto do papel esencial que ten a correlación de forzas, o estado de animo, e definir axeitadamente o proceso e as tarefas asociadas, non se pode obviar que neste contexto de globalización neoliberal imperante, a cuestión da soberanía e a democracia leva incorporados novos retos, xa que a integración na Unión Europea e OTAN implica concesións de competencias e subordinacións. Este é un aspecto que non se pode obviar, aínda que é destacábel que Irlanda medre o PIB, a povoación, e a baixa taxa de desemprego.

Te puede interesar