Opinión

Mudarán as formas con Biden... E os obxectivos estratéxicos?

Sen dúbida a asunción de Joe Biden como presidente dos Estados Unidos dáse en condicións excepcionais e moi complexas, mesmo que despois do triunfo ao senado en Georgia o Partido Demócrata controle ambas cámaras do Poder Lexislativo. Malia que os republicanos se debiliten, ou Trump perda o control e decida crear un novo partido, todo indica que se manterá a polarización da sociedade estadounidense, mesmo que Biden faga un esforzo nas cuestións sociais, algo que por outra parte non esta claro, malia que o descrédito dos partidos sistémicos é moi grande. Que sexa así ten as súas razóns tanto na enorme precariedade da clase traballadora como na erosión da clase media, por mor do aumento da desigualdade e concentración da riqueza.

Está destruída a ilusión colectiva, que se creou despois da 2º Guerra Mundial, de que mediante estudos na universidade e o esforzo había seguridade de construír un futuro con garantías de atender os gastos básicos, satisfacer extras e acumular algúns aforros. Hoxe este escenario só se fai realidade pra unha minoría. Unha boa parte da mocidade norteamericana hipotecase pra estudar e son moitos os que despois non conseguen un emprego que lles permita pagar a débeda contraída. En xuño do ano pasado había 4.300.000 familias con demora no seu pago de hipoteca da vivenda. No ano 2019 existía un endebedamento de 5.000 dólares por persoa en tarxetas de crédito. Unha cantidade impresionante que eiva o futuro da maioría. 

Téñase en consideración que, ao mesmo tempo, concéntranse neste país as maiores fortunas do mundo. Sobre esta contradición, e unha dualidade social tan grande, construíuse o descrédito dos partidos sistémicos, e atopou unha base propicia pra se estender o trumpismo. É verdade que ademais dado a súa retórica ultra conservadora contou co apoio incondicional da ultra dereita, evanxelistas sionistas, machistas, racistas, supremacistas, etc. porén tamén acadou simpatías nunha parte considerábel da clase media e a traballadora golpeada pola globalización neoliberal (deslocalización empresarial, inmigración forzada e masiva, competencia nun mercado internacional...). Para conseguilo Trump sumou varios mensaxes, daquela que non só atraese o voto da clase traballadora branca senón tamén dun sector non pequeno das minorías e das mulleres. 

Rematar con esta fenda na sociedade implica reformas sistémicas, tanto no aspecto fiscal, como no modelo laboral, e potenciar os servizos e prestacións públicas. Darlle ás familias varios miles de dólares pras urxencias, perante a pandemia, non é máis que un parche necesario porén insuficiente. Non muda o modelo existente nen cambia unha evolución cada vez máis regresiva. Estará disposto o Partido Demócrata a facer transformacións cualitativas? non o creo, a equipa escollida por Biden busca dar continuidade á etapa de Obama. 

É verdade que hai aspectos simbólicos positivos, que se elixise unha muller como vicepresidenta, que os Estados Unidos volva á OMS e ao pacto climático de París, a regularización da inmigración ilegal. Mais, o simbólico pra que sexa unha realidade debese consolidar con medidas efectivas que redistribúan traballo e riqueza. E, cando se trata de primeira potencia do mundo, cómpre especialmente abrir unha etapa de paz, que pasa necesariamente por abandonar o papel de policía do mundo e considerarse o exemplo de todas as virtudes, algo que os últimos feitos acontecidos nos Estados Unidos reflicten que non é verdade, e que ningún país pode arrogarse ese papel. En resumo, pra saldar as contradicións internas e as externas, cómpre menos mesianismo, destino manifesto, e máis protagonismo dos povos, democracia, respecto ás soberanías nacionais, protección á natureza, xustiza social e solidariedade. Moito cambio pra Biden.

Te puede interesar