Opinión

Non está a situación pra continuismos

Son dos que quixera que a nova presidencia da Xunta non implicase obxectivos e modos de facer continuistas. Xa que pra alén da foto fixa, cunha lectura optimista condicionada ás necesidades e obxectivos das clases dominantes, os anos de governo da dereita non fixeron máis que consolidar o papel subalterno da nación galega na cadea de valor, no económico, no político, non social, e mesmo na creatividade cultural e na normalización lingüística. 

Nunha entrevista Alfonso Rueda por unha banda manifesta a súa intención de manter a liña de governo, mais matiza: o de mellorala. Ademais, destaca que non é unha persoa nen de dereita nen de esquerda no ideolóxico, obviando con moita habilidade que a cuestión é, no fundamental, se as políticas que apoia favorecen máis ás clases populares ou ás corporacións e grandes fortunas. Porque os resultados definen a ideoloxía. Daquela, a caída demográfica e no emprego, o medre da desigualdade, a emigración dunha mocidade capacitada, a fuga de capitais e a merca de capital foráneo das empresas máis dinámicas, non se pode considerar precisamente unha política de esquerdas e tampouco que poña por diante sempre os intereses da nación galega. Polo tanto, sería positivo que o novo presidente da Xunta cuestionase ou cando menos rectificase as políticas de dependencia que a practicaron durante o anterior governo, máxime tendo en conta os fortes axustes da conxuntura. 

Non é doado pensar que fará as rectificacións necesarias no plano económico e social pra sacar ao noso país do seu atraso (respecto do papel que lle correspondería pola súa riqueza, situación xeográfica, capacidade creativa, etc.). Se cadra pódense dar cambios positivos noutros aspectos que teñen que ver cos métodos de traballo. Refírome concretamente a que nesta entrevista alente que os/as concelleiros teñan un papel máis relevante, tal como afirma: un maior protagonismo, pra remarcar que existe unha equipa. Sen dúbida este é un método de traballo máis propio da esquerda, esencialmente daquela de antes da caída do chamado “socialismo real”, xa que hoxe tanto a dereita como a esquerda, moi institucionalizadas, tenden a reproducir os esquemas das estruturas de poder tanto nas institucións (que ten súa lóxica, pola dinámica, aínda que sexa trabucada) como nas propias organizacións políticas e sociais, o que empobrece a análise e a critica, e deixa en mans dos medios sistémicos o debate das ideas. Mesmo sendo un cambio nas formas... tamén pode dar folgos a que na esquerda, socialdemócrata e nacionalista, aumente o protagonismo dos cadros intermedios e como consecuencia do movemento de masas. E se así fose sería un pulo cualitativo

Cun governo no que practicamente non hai novidades, non sendo que o preside Rueda e entra como conselleiro Diego Calvo, esperar cambios é pura utopía. Agora ben, nunca se pode desbotar que se produzan rectificacións, máxime cando está aberta unha crise económico e social que ninguén sabe canto vai durar e como vai rematar. Seguramente, dependerá en boa medida non só en como termine a guerra da Ucraína, a saída á cuestión ecolóxica, e dun reparto dos custes que pretenderá máis unha vez a que sexan as nacións periféricas, caso de Galiza, os que paguen a maior parte da factura. E en todos estes aspectos a mobilización, a contestación nas empresa e na rúa, o debate das ideas, a iniciativa, será quen condicione en gran medida o modelo que se termine impoñendo no mundo, e tamén na Galiza, pra alén de que existan forzas da vangarda que en todo momento están na primeira liña reivindicativa. Esta crise non é a do 2008, porque o sistema esta moi esgotado, e as eivas e atranco de todo tipo son máis agudos. Ren se pode esperar do continuismo. 

Te puede interesar