Opinión

Unha nova orde internacional

Todo indica que o fornecemento de armamento e as sancións adoptadas contra Rusia, por parte dos Estados Unidos, a UE e outros países, non tiveron ate o momento resultado esperado, xa que agudizaron e alongaron a guerra na Ucraína, e mesmo volvéronse no económico contra aqueles que as impuxeron e ademais afectan a todo o mundo. Desta confrontación armada, tamén económica e polo relato, tiraranse moitas ensinanzas, mais cun custe moi grande en vidas humanas, en destrución de infraestruturas, e na abertura dunha fenda por décadas entre nacións non só nas relacións políticas senón entre povos. 

Pra alén da responsabilidade de Rusia pola invasión, que non se pode negar, tampouco se pode obviar o golpe de estado de Maidan en 2014 e que non se cumprisen os acordos de Minsk pra dar solución ao conflito co Dombas, que se prohibise na Ucraína o Partido Comunista, e que agora se fixese o propio con todas as forzas da oposición, entre elas o segunda na Cámara (coa escusa de seren pro-rusos). 

Hai responsabilidades e erros por ambas partes, porén a solución non é máis guerra, cando menos pra Ucraína. Agora ben, no camiño da paz non axuda o envío masivo da armamento, os máis de 6 mil mercenarios, e as múltiples sancións e a demonización contra Rusia. A paz non é posíbel porque con esta guerra quérese decidir moito máis que a soberanía da Ucraína, e “occidente” que dobregar a Moscova. Se fose unha cuestión de soberanía non se entende que a resposta sexa a contraria á que se mantivo por estas potencias en Kosovo; nen a ocupación ilexítima de partes do territorio sirio (sen que a ONU se inmute); ou a que malia o pedido do Parlamento iraquí os Estados Unidos non queiran retirar as súas forzas de ocupación; ou que as potencias occidentais tan “democráticas” non tivesen unha resposta semellante diante dos máis de 14.000 mortos que causaron os bombardeos dende o 214 no Dombas; por non falar do carpetazo que deu a xustiza da Ucraína aos mortos da casa sindical en Odessa, e na praza de Maidan... 

Resulta evidente que se aplica unha vara de medir distinta en función dos intereses económicos e estratéxicos das potencias hexemónicas. Dirase que isto tamén sucede na actitude das potencia emerxentes mesmo algunha vez en países que teñen un rol subalterno, é verdade, mais son os Estados Unidos a UE os que o fan normalmente... Se non fose así hai tempo que este conflito estaría rematado, e nunca se houbese chegado á invasión rusa. Agora ben, coido que neste caso déronse tantos pasos adiante na confrontación, tamén no eido económico e político, que as fortalezas, porén tamén as debilidades das potencias “occidentais”, ou sexa das ate hoxe hexemónicas, fican retratadas negativamente diante de todos os países do mundo. E como non existe unha solución militar decisiva, xa que tanto Estados Unidos como Rusia teñen capacidade pra destruír o mundo, de manterse este escenario: Moscova vai terminar de feito controlando unha parte da Ucraína; a UE soportando o aumento da enerxía e do gasto militar, con implicacións na calidade de vida da maioría e crecemento das disputas internas entre estados e na sociedade. 

Pra Estados Unidos, pensan eles que todas son vantaxes. Por exemplo, pra o complexo industrial militar,... porén as grandes corporacións, beneficiadas pola globalización, perderan a actual vantaxe competitiva. A guerra, as sancións empurran a prol da procura de garantías no militar, na economía, no control das comunicacións... O fracaso do sistema é cada vez máis forte, non só pola guerra na Ucraína, senón por como rematou a de Afganistán, os prexuízos que causou o atranco dun barco en Suez, etc. Avivar a guerra non ten saídas pra ningunha das partes, cómpre, como pide China, e mesmo o Papa, unha nova orde internacional.

Te puede interesar