Opinión

O ano do rebote

Coa vacinación da maioría da povoación e o rebote económico instalouse a idea, primeiro nos dirixentes e analistas e despois na maioría de sociedade, de que a pandemia ficaba no pasado, non só no aspecto sanitario, senón tamén no económico por mor dos créditos e axudas que decidiu facer a Unión Europea. Ou sexa, que 2021 sería o ano do rebote que se consolidaría en 2022 superando o PIB de 2019. Os argumentos económicos eran de peso, dado que perante a pandemia as familias tiñan aforrado polas limitacións na actividade económica e no consumo. Algo que era certo e notouse moi fortemente nos últimos trimestres, tanto en medre do PIB como do emprego.

Un crecemento da economía que deixou nun segundo plano o aumento da concentración da riqueza perante a pandemia, ou sexa, do medre da desigualdade e das familias en situación límite, ao que está a contribuír o crecemento da inflación dos produtos e servizos básicos. Dáse como escusa que se trata dunha situación conxuntural. Será así? E, de non ser este o escenario: que medidas tomará o Governo? Polo momento o crecemento dos salarios e pensións estará por baixo do medre do IPC. Ademais, a falta de resposta social amosa que a xente dá prioridade, despois de dous anos de limitacións, aos relatos optimistas, e a que os partidos do sistema querían aparecer como liberadores desa pesada carga. Deste xeito agochan que a pandemia e crise está ligada ao fracaso da globalización neoliberal que non queren transformar, porque afecta intereses do centralismo, corporativos e persoais.

Só uns poucos economistas, e algún partido e sindicato, chamaron a atención respecto de que as causas que alentaron a pandemia, así como a desfeita ecolóxica, e o medre da desigualdade, etc. eran estruturais e consubstanciais coa globalización neoliberal. Ou sexa, que o capitalismo está nunha etapa senil, polo que eran (e son) necesarias transformacións de base. Ademais, científicos e profesionais da saúde, alertaron de que a pandemia do covid era un mal que atinxía a todo o mundo, que non se resolvería sen unha solidariedade que permitise vacinar a toda a povoación, ou unha gran maioría dela, e de non facelo seus efectos negativos sobre os países centrais do sistema tamén se manterían no sanitario e económico, como está a suceder.

A esta altura, diante dunha nova onda da pandemia e da certeza de que a transmisión será máis rápida e polo tanto maior o número de persoas afectadas, malia o freo e baixa letalidade por mor dos altos índices de vacinamento, as análises que contemplaban un escenario e unha solución máis complexa e estrutural vanse facendo realidade. O acontecido deixa como ensinanza que está roto o equilibrio entre o ser humano e a natureza, que sempre se debe axer con optimismo e atrevemento, porén tendo presente o escenario máis negativo; tanto nas responsabilidades de governo, como na actividade produtiva e nos comportamentos sociais. É evidente que non foi así, e que máis unha vez a realidade bátenos na cara, deixando patente que non podemos volver ao pasado, aínda que este forme parte dos alicerces cos que debemos comezar a construír a sociedade do mañá

Sería un erro pensar tanto que non se pode derrotar ao virus, como dar por suposto que non pode xurdir no futuro outro igual e mesmo máis letal. Mais hoxe contamos cunha enorme capacidade na investigación e técnica, que se poden aumentar, e que deben estar ao servizo da humanidade. Non poden ser un negocio. Mais tamén é necesario controlar a demografía, reducir a mobilidade, potenciar a produción e consumo local e nacional (co que isto implica na redución de enerxía e recursos básicos). Pra avanzar neste camiño cómpre dialogo, paz, solidariedade, respecto pola diversidade, soberanía, democracia popular, xustiza social...

Te puede interesar