Opinión

O valor do voto

Segundo as enquisas o PSOE, Podemos e Vox mantéñense ou descenden un chisco, o PP aumenta e Ciudadanos está en caída libre. Mesmo así o bloque da esquerda e o progresismo imponse ao da dereita. Agora ben, aínda que os focos están fixados nos grandes partidos de ámbito estatal, a consolidación da representación do soberanismo-independentismo en Cataluña e Euskadi, volve a convertelos en esenciais pra resolver a governabilidade no Estado español. A outra saída é un acordo PSOE+PP que facilite a investidura de Sánchez. Porén, canto máis próximos estean ambos partidos en representatividade menos doada é esta alternativa, que por outra parte sería a mellor vista polo capital. Lembremos que reproduciría o modelo de alianzas en Alemaña, é verdade que sacrificando á socialdemocracia; ademais esta formula é a que marca as liñas estratéxicas da Unión Europea, co engadido dos liberais. 

Semella que o PSOE fía seu relato a disputar á dereita o carné de españolista, aínda que sexa menos agresivo, daquela que gaben as liñas vermellas que fixan os poderes fácticos pra resolver o conflito catalán. Como compensación escenifican en pre campaña o necesario desaloxo de Franco do Val dos Caídos,mais dándolle un rol destacado á familia do ditador. Outros temas urxentes como os salarios, pensións, sanidade, dependencia, precariedade e desemprego, pasaron a un segundo plano; só ocupan algún espazo, polo dramático, a violencia e a igualdade de xénero, e a cuestión ecolóxica. O aumento de impostos as grandes fortunas, á banca e ás tecnolóxicas, así como a anulación da Reforma Laboral, a Lei Mordaza e o artigo 315.3 do Código Penal son temas que están no caixón dos recordos. Volverase a falar destas problemáticas na campaña e como parte do programa do próximo Governo?...  Será esta só unha táctica do PSOE ou ten un carácter máis estratéxico

Estas eleccións deberían corrixir no noso país a falta dunha representación autónoma, que non estea suxeita ás decisións do partido en Madrid, pra reivindicar plenamente as necesidades especificas de Galiza no Congreso (como o faría o BNG). Estas esixencias son esenciais pra rematar co  avellentamento da povoación e o retroceso demográfico (malia o medre da inmigración). Un dado, no ano 1900 a povoación galega representaba o 11,19% do Estado español, en 1970 o 7,86% e no ano 2018 só o 5,78%. Evidentemente esta regresión ten unha relación directa co desenvolvemento económico, das vías de comunicación, do investimento privado e sobre todo do público. 

A masiva emigración da mocidade forma parte deste retroceso, consecuencia da fuxida de capitais e o cativo investimento, unha tendencia que se agudizou co ingreso na Union Europea e a globalización neoliberal. As políticas macro-económicas alentaron o perda de empresas e de diversidade produtiva, así como a deslocalización e a venda a capital foráneo das empresas máis dinámicas. De pouco valeu a riqueza do país, a súa extensa costa, unha situación xeográfica escepcional respecto de América, Africa occidental, e norte de Europa. A existencia de empresas de referencia e a extensión da formación universitaria, non foi abondo pra rachar a dependencia, e o papel subalterno na cadea de valor. Faltou proxecto propio, soberanía e forza política, xa que a economía está hoxe máis unida que nunca a este aspecto determinante, como reflicten os conflitos  entre potencias. 

As estatísticas sobre o sector industrial amosan unha caída o último ano de -6%, e case un -35% no sector enerxético. A produción de electricidade, a crise empresarial no naval e de transformación de metais, son actividades estratéxicas pra Galiza que están a recibir un golpe inmenso. No voto está unha parte da solución, se vai unido á mobilización e a un proxecto transformador. 

Te puede interesar