Opinión

Perigosa guerra 
contra Rusia

Aínda que non existe unha confrontación militar directa, na práctica os Estados Unidos e a Unión Europea están en guerra con Rusia. Hai tempo que encetou unha guerra híbrida (como lle chama agora Washington). Ou sexa, conflitos armados localizados nas fronteiras de Rusia, ao que se lle engade a especulación sobre a moeda, as sancións comerciais e as brincadeiras cos prezos de certos bens (como o petróleo e o ouro), e unha intensa campaña de desinformación e demonización a través dos grandes medios de comunicación. Un ataque militar directo sería un suicidio para a humanidade, mesmo para os agresores, dado que Rusia é unha potencia atómica. De aí que se opte pola presión económica e mediática para derrubar a Putin e substituílo por un Goberno dócil aos intereses das potencias occidentais. 

Convén que o lector saiba que Rusia é o maior produtor de petróleo do mundo, aínda que a supera en exportacións Arabia Saudí (que é quen marca o prezo). Ademais exporta gas, trigo e armamento. Segundo o Fondo Monetario Internacional, no ano 2014 Rusia era a sexta economía do mundo, tendo en conta a capacidade de merca de bens e servizos (tres veces maior ca do Estado español). Mesmo así, é unha potencia dez veces máis pequena que a suma dos Estados Unidos e da Unión Europea, polo que é neste ámbito onde teñen máis capacidade para confrontar con Rusia. Queren asemade obrigala a aumentar os gastos en defensa, unha dinámica que no seu día contribuíu á queda da Unión Soviética. Obedece a esta lóxica o enquistamento do conflito do Donbas, e as múltiples manobras da OTAN na fronteira con Rusia. 

Evidentemente, esta guerra contra Rusia non se dá porque Putin non sexa do gosto de Obama e Merkel, nen porque nese país existan máis ou menos dereitos democráticos, tendo en consideración como se están esmagando nos USA e na UE. Esta confrontación aberta ten como finalidade principal frear un novo reparto do poder e da riqueza a nivel mundial que poña en cuestión as taxas de lucro das corporacións que están baixo o paraugas da OTAN, e para manter os privilexios das potencias centrais. En poucas palabras, os Estados Unidos, a Unión Europea, Xapón, e algúns socios menores, non están dispostos a repartir o poder e a riqueza, coas potencias emerxentes, ou sexa, cos BRICS. Tampouco van consentir que a ALBA e algunhas potencias rexionais pretendan desenvolver con soberanía o seu destino. É dicir: facer políticas económicas e sociais favorábeis ás burguesías autóctonas ou ás clases populares, segundo o sistema económico e social polo que opten. A esencia do capitalismo conduce á expansión, ao imperialismo.

O preocupante nesta confrontación entre potencias atómicas é que chegou a un nivel sen retorno, xa que todas as negociacións previas remataron en fracaso. A Unión Europea, malia diverxer nas formas con Washington, terminou aceptando submisamente a súa folla de ruta. Fíxoo porque procuran os mesmos obxectivos. Agora ben, aínda que unha solución militar ao conflito sería unha tolemia, cómpre lembrar que así foi como se resolveron historicamente. Por esa razón, varios premios Nobel alertaron do dramático da situación. 

Sen dúbida, o imperialismo hexemónico pensa que o cerco económico e informativo vai facer mella sobre Rusia e que terminará recuando, xa que non lle deron tempo para substituír o comercio con Europa por China e outros países. Mais Rusia pode optar por pasar a travesía do deserto e aguantar, ate conseguir que os cambios realizados para rachar o cerco dean resultados. Se fose deste xeito, o mundo ficaría dividido de novo en dúas áreas políticas e económicas, e as medidas de Estados Unidos e da Unión Europea rematarían en fracaso. O que aconteza marcará as estratexias no futuro, tamén a das forzas antisistémicas.

Te puede interesar