Opinión

Portugal 1929: “Os galegos são nossos irmãos”


Este era a portada do numero 39, do dez de marzo de 1929, da revista Notícias Ilustradas adicado ás persoas galegas emigradas en Portugal. Son 9 páxinas sobre o tema dun total de 28. Nun artigo de Alejo Carrera (galego de nacemento) que fai de limiar, nel lembra que: “Orduño II, rei de Galiza, chegou até Lisboa e aprisionou bastantes mouros que conduciu pras terras de León. Se así foi, ven xa de lonxe a predilección dos meus coterráneos por Portugal. Simplemente aquel rei viña conquistar mouros con lanzas e espadas, e os galegos do meu tempo apenas pretenden conquistar os corazóns dos seus irmáns portugueses”. 

Pola súa banda Feliciano Santos salienta que: “Cando se fala da colonia galaica en Portugal, falase de Lisboa, porque só na capital o saudoso emigrado das montañas da Galiza conseguiu a realización do ‘el Dorado’, que constituíu o soño e o obxectivo de toda emigración. Lisboa é, pra os galegos, o mesmo que o Brasil pra os portugueses. E de certo é por esta semellanza de ambicións e situacións que no Brasil tratan por ‘galegos’ aos portugueses emigrados”. 

No texto destaca asemade que os galegos eran persoas indispensábeis da vida de Lisboa e dábanse como virtudes “a discreción e a fidelidade (...) se lle pode confiar ouro en pó e, con efeito, rarísismas veces o rexistro criminal mencionará o nome dun galego, por furto (...) teimando sempre en traballar, traballar, traballar...”. Eu, que me criei na emigración na Arxentina, sei que estes eran tamén os méritos que destacaban de nós naquel país sudamericano, e cos galegos e galegas tíñano como unha honra e un deber. Era un pasaporte pra atopar axiña traballo os que viñesen logo, polo que coidaban con moito celo esta valoración do colectivo. Era a expresión primaria, básica, do sentimento nacional, e un xeito de loitar contra os estereotipos que existen a respecto de todos os povos subalternos, marxinados. 

Sinálase neste número de Notícias que a emigración galega encetou nas actividades máis modestas, e foi gañando de vagar presenza mediante o esforzo, teimosía e a honradez, na industria e o comercio, tendo unha presenza relevante en restaurantes e tabernas. Adícanselle dúas páxinas ás figuras da colonia galega na cidade, tanto de orixe como descendentes, e outras tantas pra reproducir poemas de Martínez Salazar, Curros Enríquez, Ramón Cabanillas, Rosalía de Castro... 

Que un xornal portugués dese este protagonismo á emigración galega, e que a gabase, non debería chamar a atención, tendo en consideración todo o que nos une historicamente. Uns datos sobre a migración. No século XVIII uns 50.000 galegos e galegas emigraron a Portugal, especialmente a Lisboa e a Porto. Calculase que na primeira nos séculos XVIII e XIX, dunha povoación de 300.000 persoas, un 10% era de orixe galega. Na fluidez das relacións entre ambos países irmaus lembremos os congresos obreiros galaico portugueses de primeiros do século XX, e que Teofilo Braga, presidente provisional da república (1910), foi fundador da Real Academia Galega. 

As ditaduras de Franco e Salazar, malia a súa complicidade ideolóxica mantiveron alianzas internacionais opostas, polo que se ergueron novos muros que restaron pulo ás relacións entre Galiza e Portugal. Aínda que os máis importantes foron e son os condicionantes do centralismo, da dependencia. Mesmo hoxe, malia os grandes avances nas telecomunicacións e comunicacións, e que Portugal sexa o noso segundo socio comercial, e que nos merque máis do que nos vende, co que iso implica de positivo, e que o turismo en ambas direccións sexa inmenso, non está acompañado por un avance semellante nas relacións culturais e políticas. Todo elo en prexuízo de ambas partes, e moi especialmente do povo galego, da nosa economía e identidade. 

Te puede interesar