Opinión

Procurar o lucro coa escusa demográfica

Segundo o Plan Estratéxico da Xunta de Galiza (PEG) pra os anos 2015-2020, o noso país está á beira do precipicio en materia demográfica. Algo que é máis que evidente hai moito tempo. Os que realizaron o estudo aplicaron as receitas universais, como se Galiza fose Alemaña, e concluíron que cómpre atraer/importar uns 20.000 inmigrantes ao ano. Non se preguntaron se existen condicións pra os incorporar ao mercado laboral, nen as incidencias sociais e culturais, obviando a nosa alta taxa de desemprego, malia a emigración da mocidade e a baixa natalidade.

En fin, que con este plan imos aviados. Ignora a nosa realidade socio-económica, os graves problemas polos que están a pasar sectores estratéxicos da economía, e copia as tendencias dos territorios centrais, esquecendo o noso carácter periférico. Pretenderán reproducir o plano de Merkel? Por certo, que está a resultar unha desfeita, tanto humanitaria, cos refuxiados como vítimas, como polas contradicións que está a xerar.

Agora ben, o que resulta insultante é que, con máis de medio millón de persoas na emigración, como é o caso de Galiza, a maior parte delas mozas, non se propoña como prioridade, ou cando menos coa mesma relevancia, o seu retorno. Isto é o que retratan os medios de comunicación encol do PEG, sen facer a máis mínima critica. Maior subordinación, e desprezo do propio, imposíbel! Semella que a meta é substituír non só a cultura galega senón á povoación “autóctona” coa axuda da súa clase dirixente. Dirase que non é consecuencia da forza militar. É verdade, só é produto da aplicación do capitalismo sen adaptacións e medidas preventivas. Mais as consecuencias son as propias dunha guerra.

Viven na Galiza unha porcentaxe importante de inmigrantes, son parte da nosa realidade, e cómpre poñer todos os medios pra integralos e garantir a igualdade de dereitos. Mais a proposta por aumentar o seu número, non semella tanto unha actitude solidaria como o desexo de rebaixar as condicións laborais pra aumentar o lucro empresarial. Se fose por mor dun arrouto de solidariedade sería incompresíbel que non se comezase por atender o 30% de familias que na Galiza están por debaixo do chanzo da pobreza (inmigrantes, monoparentais), ou non loitar contra unha desigualdade social en aumento, que se constata en que 2 de cada 3 familias teñen problemas pra chegar a final de mes (desempregados/as, precarios/as, dependentes, etc).

Todo fai pensar que, como en Alemaña, e coa mesma cobiza, hai unha carreira pra rebaixar os salarios e, pra iso, a mellor presión é aumentar a man de obra de reserva, especialmente cando esta vén obrigada a aceptar as condicións laborais máis baixas (e moitas veces indignas) pra sobrevivir. E non hai ninguén que poda cumprir mellor ese papel que os inmigrantes, especialmente se queimaron as naves coas que poder retornar. Non casualmente, antes de que Merkel chamase os refuxiados sirios, a patronal alemá ofrecía 800.000 empregos, agochando que no estado máis rico da UE existen 8 millóns de contratos por debaixo do salario mínimo.

Analistas independentes ligan este estoupido de solidariedade da dereita xermana á entrada de China na OMC en abril, polo que non se poderán impoñer restricións á entrada de produtos da maior potencia exportadora do mundo. A solución podería ser dar pulo a economías autocentradas e sustentábeis. Porén, iso non favorece a produción de escala que permite concentrar poder e riqueza nas grandes potencias e fortunas. Daquela que escolleran a opción, que venden como a única porque lles favorece, de rebaixar salarios, reducir o valor da moeda prestando a xuros cero á banca privada, e recortar prestacións e servizos públicos. A proposta do PEG da Xunta semella que vai nesa liña, aínda que use a cuestión demográfica como escusa.

Te puede interesar