Opinión

As promesas laborais seica irán de vagar

Coido que as centrais sindicais, e os partidos progresistas, deberían estar algo preocupadas respecto da derrogación da reforma laboral, e non digamos en relación coas pensións e os temas de dependencia. Vai pasando o tempo e alén de cuestións obrigadas pola emerxencia, como a actualización das pensións, do salario mínimo, a penalización das baixas por enfermidade, e a actualización das remuneracións dos empregados/as públicos, todo son boas palabras.  Dise que a derrogación da reforma laboral será parcial, ou sexa, só daquilo que o Governo valora como os aspectos importantes, e irase facendo de vagar xa que o proceso sería moi complexo. E, polo que respecta a garantir o ingreso das pensións, e fixar un chanzo mínimo digno, todo ficaría pendente dunha reunión da Mesa de Toledo. 

Sen dúbida estes son temas que non se resolven nun día, porén o tempo pasa, e cada vez se fala menos deles, mentres segue a medrar a precariedade e os salarios non deixan de baixar, tanto en capacidade adquisitiva, como en relación ao reparto dos ingresos entre a clase traballadora e o capital. Algúns datos a ter en consideración. Os salarios eran no ano 2009 o 48% do PIB galego e no 2018 só representaban o 42,6%. Perderon máis de cinco puntos. Ou sexa, medraron as rendas do capital, especialmente das grandes empresas e fortunas.

Este retroceso incidiu tamén sobre os ingresos da seguridade social e ademais terá efecto sobre a contía a cobrar polos futuros/as pensionistas. Entre o ano 2009 e 2017 as cotizacións á seguridade social baixaron do 11% do PIB ao 9,8%. É dicir, a tendencia dominante neste intre ten un carácter negativo tanto pra os salarios como pras pensións. Non se pode obviar que se acentuou coas reformas laborais, e das pensións, tanto de Zapatero como de Rajoy. A estes pasos regresivos hai que sumar a privatización dalgúns servizos públicos e o medre da presión fiscal; mentres baixou o imposto de sociedades (ingresase menos da metade que hai unha década). 

Polo tanto, pra reverter esta evolución negativa pras clases populares, que afonda na desigualdade social e aumenta a taxa de pobreza, é esencial derrogar axiña a reforma laboral. Cómpre, recuperar a ultra-actividade dos convenios e os salarios de tramitación, darlle prioridade aos de sector respecto dos de empresa, e impedir o descolgue destas últimas dos acordos pactados na negociación colectiva. Tampouco se pode seguir admitindo como algo normal a terciarización de traballos habituais nas empresas e a temporalidade cando non ten motivos excepcionais, así como os falsos autónomos/as, etc.

A pregunta sen responder é: pra alén do aumento do salario mínimo, considerado como insuficiente por todas as centrais sindicais, e de eliminar a posibilidade de despedir aos traballadores/as de baixa por enfermidade, o Governo central vai a derrogar a reforma laboral, en que medida e cando? Resultaría utópico que a Ministra de Traballo espere chegar a un acordo coa patronal pra tomar estas medidas. Asemade, tampouco é democrático que centrais sindicais “máis representativas” como ELA no País Vasco e a CIG na Galiza, que ademais son as primeiras forzas en ambas nacionalidades, fiquen á marxe do proceso de consulta por parte do Governo central sobre estes e outras cuestións laborais (no proceso electoral sindical que acaba de rematar a CIG obtivo 4.548 delegados/as, UGT 3.990 e CCOO 3.982). 

Os sindicatos nacionalistas teñen ido pra alén das declaracións realizando mobilizacións nos seus territorios (e unha folga no País Vasco) pra esixir avances nestes temas que condicionan o futuro da clase traballadora. Mais trátase de cuestións que esixen a presión na rúa de todo o movemento sindical. CCOO e UGT seguiran apostando esencialmente pola leria? 

Te puede interesar