Opinión

Reforma fiscal: esmagar os de abaixo

Por se alguén pensaba que a recuperación do medre da economía ía significar un pequeno respiro pras familias das clases populares, o anuncio dunha nova reforma fiscal na que se pretende aumentar o IVE dos produtos de primeira necesidade deixa en evidencia que non vai ser así; que o axuste farase en beneficio das grandes empresas e fortunas. E de pouco vale que a OCDE chame a atención sobre a crecente desigualdade social no Estado español (a máis alta de Europa occidental), porque o Governo do Partido Popular asimila crecemento con garantir aos empresarios e directivos importantes lucros. Mais, na práctica, o aumento das rendas máis altas faise a costa da diminución dos ingresos da clase traballadora, autónomos e pequenos empresarios, polo que non ten porque significar necesariamente un crecemento da economía.

Segundo algúns estudos feitos en relación ao aumento do IVE, a cesta alimenticia incrementarase entre un 5-7%. O Governo utiliza como engado, pra evitar o rexeitamento desta medida, unha rebaixa no IRPF. Mais o cambio fiscal proposto favorece especialmente aos ingresos máis altos, xa que a imposición baixaría sensibelmente pras cotas do tope superior. Polo tanto, daríaselle máis pulo á desigualdade; os analistas din que os beneficios desta medida serían 20 veces maiores pras rendas superiores.

Esta nova volta de porca na presión fiscal súmase á queda de varios puntos nos salarios, á redución das prestacións públicas, ao repago sanitario, a un maior custe de servizos básicos (como auga, gas, electricidade, etc.), a uns xuros elevados pra os créditos, e, por se non abondase, a unha cada vez máis estendida realización de horas extras que non se pagan e polas que non se cotiza. A contrapartida a estas medidas, que afogan aos de abaixo, seica é a tarifa plana nas cotas da Seguridade Social pra empresas e autónomos. Porén, é un incentivo con trampa, porque réstalle ingresos ás pensións e afecta ao equilibrio orzamentario, sen esquecer que é unha competencia desleal con outros empresarios, nun contexto no que o consumo é moi débil. Tampouco se poden obviar as multimillonarias achegas ás grandes empresas, os descontos, as exencións e a fraude fiscal, que reduciron a mínimos os ingresos impositivos por sociedade, patrimonio, etc. Son medidas que non solucionan as eivas estruturais e alentan a desigualdade.

Todo amosa que os axustes non terán fin, porque é mais doado rebaixar salarios e prestacións, que saír a competir ao mercado ou confrontar criterios en Bruxelas cos grandes grupos económicos e de poder. A clase traballadora, malia representar o 80% da poboación ocupada, e ser fundamental na produción da riqueza (cando menos en igual proporción), é o elo máis débil nesta etapa, así de evidente. Un dos argumentos que se utilizan, pra minguar o reaxer da maioría, é que as grandes fortunas e empresas obteñen lucros que reinvisten logo en xerar emprego, e que cando hai traballo as condicións laborais tenden a mellorar. Mais todo indica que o paro nesta etapa do capitalismo é unha lacra estrutural (nun mercado globalizado de capitais, de bens e de traballo), e que os lucros empresariais, ademais de se centralizar e concentrar, tenden a se investir na especulación, as burbullas e mesmo na economía delituosa. Ademais, a queda dos ingresos da maioría social afecta ao consumo. Un círculo vicioso, que se pretende solucionar con métodos autoritarios e unha democracia eivada, sen atacar o fondo do problema.

Todas as propostas deste Governo (todas!) son regresivas no social e favorecen aos territorios máis poderosos. O lóxico sería que a reforma fiscal fose progresiva, gravando máis aos que obteñen maiores ingresos e son posuidores de grandes fortunas. Mais, pensar que sen unha mudanza profunda na correlación de forzas isto será posíbel, é vivir nun mundo de fadas.

Te puede interesar