Opinión

Reforma laboral: novas vías pra flexibilizar

Malia que Pedro Sánchez e a ministra de Traballo, Yolanda Díaz, presentan o acordo entre os sindicatos CCOO e UGT, a patronal e máis o Governo como se tivese o aval de todo o mundo do traballo, coa intención de illar e condicionar a oposición que a esta altura existe no Parlamento por parte das forzas soberanistas e dunha parte da esquerda. Mais o certo é que na mesa de dialogo faltaban sindicatos que teñen súa importancia. Por exemplo, ELA-STV que é a maior central de Euskadi, e a CIG que o é na Galiza. Non semella que se lles excluíra por casualidade a estas centrais das negociacións, máxime tendo a condición de “sindicatos máis representativos”.

Todo reflicte que o motivo pra non contar con ELA e a CIG foi saber que non ian aceptar ningún acordo que non partise da derrogación da reforma laboral de Rajoy do ano 2012 e da de Zapatero de 2010. Ou sexa, houberan sido un atranco pra que a folla de ruta a percorrer, que comezaba asumindo de palabra a derrogación, na práctica terminase nunha nova reforma parcial e que no mantén a flexibilidade laboral. Só deste xeito sería aceptada pola CEOE, que ademais non quere modificacións no debate parlamentar. Polo que moitos medios destacan que foi a triunfadora, así como o papel que xogou neste aspecto un sector do PSOE (Nadia Calviño, etc), e as condicións impostas pola Unión Europea pra recibir os primeiros 10 mil millóns de euros dos fondos.

Nun comunicado a CIG destaca respecto da nova reforma, que: “En aspectos presentados como novidosos, referidos á precariedade e á temporalidade (...) non se crea nin se asegura ningún dereito, xa que non se pecha a porta a que as empresas sigan facendo abuso da temporalidade e da subcontratación. De feito, nova regulación, estas cuestións limítanse a unha simple transcrición do que estaba gañándose a través da xurisprudencia”. Sería o caso da ultra-actividade dos convenios. A resposta á precariedade, que o Governo converte no seu eixo central, fiase a reducir o modelo de contratos e a duración dos temporais, así como aos ERTE, contratos de fixos/as descontinuos, etc. O texto do acordo non recupera a autorización administrativa pra os despedimentos colectivos perdida coa reforma de Rajoy. Tampouco é un aspecto secundario que se manteñan as anteriores regresións no relativo: á perda dos salarios de tramitación por despedimento; e á redución da compensación económica da contía a recibir cando este é inxustificado, etc”.

No esencial, no contido, porén tamén nas formas, o Decreto Lei presentado polo Governo non só non derroga a reforma laboral senón que mantén os mecanismos que permiten á patronal, coa escusa da flexibilidade pra competir, modificar ao seu gosto a xornada e condicións de traballo, un paso atrás que se pretende compensar cos ERTE e contratos fixos descontinuos (algo pouco doado). Por se non abondase dáselle prioridade, só en materia salarial, aos convenios estatais de sector fronte ao de empresa, cando estes normalmente son máis baixos que os de sector autonómicos e provinciais. A finalidade centralista e desmobilizadora deste acordo é máis que evidente, téñase en consideración que as maiores folgas e mobilizacións nos convenios de sector, dáse nos provinciais e autonómicos, e que nestes existe unha presenza considerábel doutros sindicatos, mesmo maioritaria, respecto de CCOO e UGT. Usase o Decreto pra golpear ao sindicalismo combativo.

O maior atranco ao que se enfronta agora o Governo, pra alén das mobilizacións dos sindicatos que rexeitan o pacto, é aprobar o Decreto Lei no Parlamento, dado a oposición de ERC, Bildu, BNG, e outras forzas, coas que contou na investidura. Serán substituídos por Ciudadanos? Como responderá a base de UP? Aumentará a fenda entre as cúpulas e a base social?

Te puede interesar