Opinión

O reparto de poder como prioridade

Odebate pos-electoral está centrado esencialmente nas posíbeis alianzas pra formar governo. Os obxectivos económicos, sociais e culturais pra lexislatura ocupan un lugar secundario, algo que se nota moito xa que se sobre-actúa diante dos medios sobre o reparto de poder e quen vai encabezar o executivo. Só o referendo catalán escapa desta dinámica, xa que serve de escusa pra xustificar posíbeis acordos ou rupturas, coa evidente intención de aumentar as cotas de poder se hai que ceder pra garantir un pacto de governo, ou gañar méritos diante dos votantes de ter que se convocar novas eleccións.

A esta altura, tanto un acordo de governo como novas eleccións son opcións con idénticas posibilidades, malia que todos saiban que unha convocatoria electoral en pouco vai mudar a correlación de forzas que saíu das anteriores. Asemade, mesmo que Podemos e Ciudadanos avancen algo en deputados/as, pode ser un éxito amargo pra ambos partidos se a abstención é moi alta, e o PP e PSOE seguen sendo as forzas con maior representación no Parlamento. Todo indica que o PSOE é o único partido que está en todas as quinielas de governo, ben en coligazón con Ciudadanos ou ben con Podemos, e contando coa abstención dalgún deles (ou do PP). Os recortes salariais e sociais, a falta de diálogo sobre a cuestión nacional, a lei mordaza, e a corrupción, invalidan a Rajoy.

Sendo a opción máis progresista a dun pacto PSOE-Podemos, coa abstención ou apoio doutros partidos, iso non garante os cambios sistémicos económicos, sociais e demócraticos que son necesarios pra repartir traballo e riqueza. Só así se daría azos a un desenvolvemento equilibrado en todas as nacionalidades e autonomías, e alentaríase o protagonismo das clases populares. O programa de Podemos pon o foco nos aspectos máis estremos da exclusión, sen mudar os alicerces da explotación de clase e da opresión nacional, cuestións que son fundamentais pra mudar a tendencia regresiva para as clases populares na Galiza. E, malia que Pablo Iglesias escenifica unha e outra vez que eles terán a iniciativa, aínda que Pedro Sánchez sexa o Presidente, o certo é que todo indica que Podemos está disposto a rebaixar as súas reivindicacións pra tocar poder, porque é un partido focalizado no institucional. Poucos partidos teñen tan centralizadas as decisións coma eles.

Alenta a expectativa dun posíbel pacto, pra alén das presentacións públicas de Podemos ateigadas de soberbia, que no relatorio hai moita filosofía e poucas medidas concretas. Un aspecto que contrasta cunha migalleira enumeración das reclamacións de áreas de xestión e das adscricións á vicepresidencia, que Pablo Iglesias reclama pra el. A capacidade a decidir e o recoñecemento do feito plurinacional, que tan radicalmente din defender, cínguese exclusivamente ao referendo catalán, e nen unha soa vez nomean Galiza, malia que En Marea asina á proposta. E aínda que se fala de blindar as competencias das nacións e autonomías, non se especifica, nen se perfila cal vai ser o modelo territorial, se federal ou confederal.

Ate agora a subordinación de En Marea na negociación foi absoluta. Non é o primeiro caso no que relega os intereses de Galiza. Polo que Beiras viuse obrigado a esgrimir a escusa de que lles “faltou axilidade”, aínda que lle farán chegar ao PSOE reivindicacións propias. Vale. Erros tenos todo o mundo. Mais non se pode obviar que En Marea diluíuse no grupo de Podemos. Unha decisión estratéxica que agora ten as súas consecuencias. Con esta correlación de forzas e obxectivos, sería utópico esperar que o Governo confronte coas clases dominantes e a liña neoliberal de Bruxelas, e moito menos que mude o papel de Galiza no Estado. Pra iso cómpren, ademais dos votos, forzas cun proxecto propio e mobilización social.

Te puede interesar