Opinión

Seica carecer de 
experiencia é unha virtude

Resulta evidente que a aparición de novas forzas políticas, mesmo que teñan moito de mediático, foi quen de remexer o panorama, e de conseguir unha viraxe a esquerda da tendencia eleitoral. Isto, e que unha boa parte dos votantes non se podan dar por definitivamente gañados, senón que mantelos dependa da iniciativa cotiá, son aspectos positivos, xa que dinamizan o debate no eido das ideas. Mais estas novas forzas, aínda que se gaben de estar á marxe da corrupción, dado que acaban de nacer, tamén trouxeron nas súas alforxas moitas das características das chamadas clases medias, do que antes se denominaba a pequena burguesía.

Entre estes aspectos salientaría o non ter unha proposta de superación da globalización neoliberal, ou sexa, da expansión imperialista nesta etapa. Isto semella lóxico en Ciudadanos, xa que se trata dun proxecto liberal no económico e social, porén casa menos coas expectativas que espertou Podemos como a alternativa de cambio. Agora ben, malia as diferenzas políticas, ambas as forzas teñen puntos de converxencia no xeito de axer, xa que usan como referencialidade os procesos electorais, certa ambigüidade calculada nos obxectivos, e unha cúpula moi centralizada dende a que se toman todas e cada unha das decisións orgánicas e se deciden as mensaxes.

Todo indica que Ciudadanos vai comer do celeiro dos votantes do PP descontentes coas políticas do Governo e da Xunta, servindo de cortalumes á pretensión de Podemos de recoller a maior parte destes votantes moderando o discurso, e afastándose das reclamacións republicanas e soberanistas. Tendo en consideración que esta última forza puxo estes días toda a súa artillería mediática a funcionar contra o partido de Albert Rivera, todo fai pensar que mesmo volverá máis morna a súa mensaxe, e recuará nos seus obxectivos, a fin de gañar os tan disputados votos do centro. O argumento interno e pra os simpatizantes será o caneo táctico, mais a historia ensina que cando se inicia esta andaina non ten volta atrás. O que está a suceder en Grecia vale como exemplo, máxime se temos en consideración que Syriza propuxo un programa máis concreto e radical.

Este modelo de folla de ruta non só afecta a Podemos, senón a unha constelación de pequenas forzas de esquerda en todo o Estado que ven ese partido como modelo, tamén na Galiza, e que se subiron á cresta da onda coa finalidade de mudar todo a través da obtención da maioría nas institucións. Ademais, o preocupante son as ideas incorrectas que sementa nas clases populares, diluíndo a loita de clases, relegando o papel da clase traballadora na ruptura, valorando a correlación de forzas en función da representación institucional, e igualando o conceito de militante co de simpatizante internauta ocasional. Son ideas trabucadas que non cuestionan o sistema e reducen as clases dominantes ao 1% dos máis ricos, ignorando o papel que sectores moito máis amplos teñen na apropiación do lucro e no control dos mecanismos de poder.

As propostas de Podemos seica se centrarían, aínda que foxen de divulgalas, en evitar os desafiuzamentos, rebaixar a xornada laboral, garantir unha renda básica universal,... Son medidas no bo camiño, mais imposíbeis de acadar sen unha mudanza económica e social profunda, sen un cambio radical na correlación de forzas, sen unha sociedade organizada e mobilizada, sen saír do euro e da UE. Non é a folla de ruta que propoñen percorrer. Mesmo critican acedamente aquelas forzas de esquerda que levan décadas na loita social e política confrontando co sistema, asumindo a loita de clases e a prol da soberanía (nas nacións da periferia), e fan da carencia de experiencia unha virtude, nunha actitude soberbia, que non é propia dos de abaixo. Non semella que así se constrúa o cambio.

Te puede interesar