Opinión

A tecnoloxía só é un medio

Ficamos nunha poza sen fondo no ámbito económico e no social, tamén no ecolóxico, que non é conxuntural, e que incide sobre o comportamento humano: pobreza, migración masiva, violencia... máis do medio cento de guerras e conflitos armados. Ademais, as sancións impostas a Rusia (e outros países, todas suman) volven como un búmerang que afecta a todo o mundo, tanto aos países que sancionados, como as potencias que as impoñen, sen que estas últimas renuncien a aplicar estas medidas, malia a evidencia dos seus efectos negativos sobre as clases populares.

A normalidade é a ruptura do dialogo, da persecución das posturas contrarias. Toda a iniciativa e esforzo realizase no eido de gañar o relato, militarizalo todo, e predicar que os avances técnicos, que son necesarios e esenciais, van solucionar todos os problemas no futuro. Daquela que se relativicen cuestións fundamentais, como o equilibrio demográfico e a mobilidade estrema, ou o medre da desigualdade tanto entre países como entre clases sociais, e a desaparición de culturas e linguas que son parte esencial da riqueza do mundo. 

E, o grave, é que neste escenario a Unión Europea carece dun proxecto pra confrontar os retos do futuro. Daquela que a tendencia en ascenso, malia as respostas agresivas de occidente, non frean o o avance de Asia e mesmo de África, e de potencias como China, Rusia, India, e outras rexions, como Brasil, México, Indonesia, Turquía... É unha realidade que non se pode evitar cos vellos mecanismos represivos e de control. Vexase a resposta dos produtores de petróleo á presión USA pra que aumenten a extracción substituíndo a Rusia. Ou como a exclusión por Washington de Cuba, Venezuela e Nicaragua do Cumio das Americas, fixo que países tan importantes como México, e moi ligados no económico a USA, fixeran evidente seu malestar.

Mais, todo se pretende resolver con avances tecnolóxicos e reaxustes na cadea de valor, e fortalecendo o aparello militar, o control mediático e financeiro. Evidentemente a UE sumase a esta folla de ruta marcada por Washington, na que busca manter a súa parte da hexemonía, non só por seguidismo senón como medio pra defender os intereses das súas propias corporacións na América Latina, África e Asia. E neste aspecto o poder e a expansión militar dos Estados Unidos con 254 bases en 70 países élles unha garantía, aínda que sexa como socios menores. Mais a esta altura, pra os países da UE, mesmo os máis poderosos, xa son maiores os custes que os beneficios. 

A conflitividade social resulta inevitábel, tamén a confrontación entre os estados que a integran. Esta liña sistémica hoxe imperante vai asociada a demonizar aquelas propostas que non apostan por un mundo dividido en bloques de bos e malos, que cuestionan a foto fixa e procuran unha visión máis plural da humanidade. Ademais, este modelo económico e social, a globalización neoliberal, o capitalismo, xa amosou nas sucesivas crises mal superadas que non vale, xa que alenta con cada unha delas a desigualdade e a precariedade, dando folgos a un menor desenvolvemento e á perda de relevancia da UE. 

O sistema actual da lei do máis forte, da democracia en diferido e de poderes non electos, dá pulo á desigualdade, á violencia, á insolidariedade. Abonda de tacticismo, fotos fixas, e facer da política un teatro, en beneficio de corporacións e grandes fortunas cada vez máis poderosas e ricas, e numericamente máis reducidas. Un mundo unipolar ou mesmo (sendo mellor) dividido en dous bloques é o triunfo da lei do máis forte, non da solidariedade, da xustiza,... O futuro a esta altura só é posíbel con consensos que permitan confrontar os retos ecolóxicos, demográficos, sociais, respectando a diversidade, os dereitos colectivos e individuais.

Te puede interesar