Opinión

Tele-traballo, unha regulación insuficiente

Hai un ano que se aprobou o Real Decreto 28/2020 que regula o tele-traballo, ou sexa aquel que se realiza na casa do asalariado/a, durante toda a xornada semanal ou parte dela, como mínimo un 30% segundo a norma en vigor. Regular estas condicións de traballo era unha necesidade, por outra parte non eran unha novidade, lembremos que perante a ditadura, e anos posteriores, as empresas de certos sectores (por exemplo a confección e algunhas auxiliares do automóbel) facían parte da produción mediante persoal que traballaba nas casas, especialmente mulleres, que cobraban por unidade producida, carecendo de contrato laboral e seguros sociais.

O traballo dende a casa está medrando e chegou pra se quedar, responde ao avance dá tecnoloxía telemática. Tamén é evidente que o tele-traballo representa unha modificación das condicións laborais habituais e necesitaba dunha regulación propia (xornada, gastos específicos, etc). Agora ben, non é verdade que vaia abranguer á maioría da povoación asalariada ou autónoma. Actividades que empregan moita man de obra como a construción, hostaleira, transporte, industria, sanidade e dependencia, ensino, riders, etc. non se poden realizar telemáticamente, necesitan da presenza humana directa na fábrica, negocio ou lugar onde se presta o servizo.

É verdade que todo o relativo á programación, deseño, comunicación, determinadas tarefas administrativas, etc, poden ser realizadas a través do tele-traballo, mais abrangue unha minoría da clase traballadora, aínda que represente unha porcentaxe a ter en conta. Os datos estimados din que as persoas asalariadas que realizaban o traballo na casa, cando menos a metade dos días da semana, representaban no ano 2019 na Galiza o 5,5%. A cifra máis alta correspondía a Asturias cun 6,6%. Na UE a esa altura eran os Países Baixos os que tiñan unha cantidade maior, un 14,1%. Estas porcentaxes medraron moito no inicio da pandemia.

Un estudo considera que até un 22,3% das persoas ocupadas poderían realizar tele-traballo, claro que pra chegar a este obxectivo suma o 100% dos/as directores e xerentes e o 59,9% dos técnicos e profesionais, científicos e intelectuais. Unha contía que sería moi difícil de atinxir, máxime en actividades nas que a presenza semella esencial, como as de dirección, aínda que tecnicamente sexa posíbel. O tele-traballo é unha necesidade e/ou vantaxe en situacións moi especificas do asalariado/a, sempre que o horario e os gastos extras estean calculados axeitadamente. Mais non se pode obviar que tamén ten seus aspectos negativos, xa que o/a aparta da relación directa co resto do cadro de persoal restándolle forza reivindicativa diante da patronal. Un efecto que é menor cando o tele-traballo se realiza só algúns días da semana. Son novas realidades a ter en conta, tanto pola empresa, como polos sindicatos e o Governo.

A central CIG critica a normativa e di que: “Este decreto pra regular o traballo a distancia é unha norma de mínimos (...) derivando á negociación colectiva unha regulación máis precisa, con todo o que isto implica cando seguen vixentes as reformas laborais e da negociación colectiva dos anos 2010 e 2012”. O Governo quere substituír estas reformas por unha nova norma que recupere a ultra-actividade dos convenios, e a prioridade daquel que máis favorecía ao traballador/ra afectado, teña en consideración estas novas relacións laborais; ao que engade “a flexibilidade na empresa” (Referirase ao contrato de fixos-descontinuos ou haberá máis sorpresas?) A ministra de Traballo garante que antes de fin de ano existirá unha proposta firme. O reto é que ca nova lexislación non siga axudando a repartir tan inxustamente a riqueza producida e o traballo, dando pulo á desigualdade e á precariedade. Cómpre estar atentos/as.

Te puede interesar