Opinión

Ucraína e a confrontación entre potencias


Dicir que que Estados Unidos, a Unión Europea, e outros países aliados de occidente, non están intervindo directamente na guerra, cando todos os días envíanse armas a Ucraína, asesorase e adestrase ao seu exército, é considerar á sociedade como parva, ou entender que os medios de comunicación dominantes todo o poden vender por bo aínda que sexa mentira. Ademais, aplícanse todo tipo de sancións a Rusia, mesmo conxelando activos do governo e empresas, 

Sen dúbida Rusia ten a responsabilidade de invadir un país soberano, co que isto sempre implica de destrución e custes en vidas. Agora ben, non se poden obviar os antecedentes, as razóns pra unha decisión tan traumática e arriscada. Concretamente que a OTAN esta arrodeando este país, co que isto significa en materia de seguridade e soberanía, e que a entrada da Ucraína na OTAN deixaba a parte occidental de Rusia en mans da arbitrariedade desta estrutura militar ofensiva. Falase da soberanía da Ucraína, mais as razóns de Moscova son as mesma que utilizou os Estados Unidos respecto dos mísiles en Cuba, e das ameazas desta mesma potencia respecto dos acordos entre China e as Illas Salomón, malia que está a 9.000 quilómetros desta potencia. Son os mesmos argumentos que utilizou Putin. Entón: porque nun caso valen e no outro non? 

Ademais, non se pode obviar a importancia, pra decidir a invasión, que Zelenski non cumprise cos acordos de Minsk, que o exército ucraíno causase 14.000 mortos no Dombas dende 2014 até a actualidade, e que estivese preparando unha ofensiva militar contra as repúblicas populares acumulando 40.000 efectivos na zona. Por certo un exército que foi armado e adestrado pola OTAN, seica en dúas bases na parte occidental do país, co que tamén realizou unha morea de exercicios conxuntos nos últimos anos. 

Todo fai pensar que esta presión non é casual, que forma parte da estratexia de Washington por manter a súa hexemonía no mundo, pra rachar a unidade de potencias emerxentes como China e Rusia, ou debilitalas a elas e a outras que procuren un mundo multipolar, diverso, e con normas consensuadas, como poden ser India, Iran, México, Brasil, etc. Non é unha cuestión secundaria. Daquela que nen Washington nen Bruxelas fagan esforzo ningún por acadar un acordo de paz, que cada vez armen máis á Ucraína, e que demonicen a todo o ruso. Non se trata de alentar o dialogo, senón de falar de paz facendo a guerra, buscando debilitar ao máximo a Rusia, aínda que sexa a costa da destrución da Ucraína. Daquela a importancia de contar en todos os países do mundo, porén moi especialmente na Unión Europa, cun forte movemento a prol da paz, como houbo noutros momentos históricos, por exemplo cando a OTAN bombardeou Serbia (a ex-Iugoslavia). 

Que se está apostando pola confrontación resulta evidente non só polo envío de armamento á Ucraína senón tamén polo tipo de sancións, a demonización que se fai de Rusia, e sobre todo polo aumento do gasto militar nos países membros da Unión Europa, comezando polo Estado español, malia a gravidade da crise económica, e a caída dos ingresos reais da clase traballadora e pensionistas. Nun contexto cunha alta taxa de déficit público, e a necesidade de fortalecer os sectores esenciais, polo tanto no que non sobran medios Pedro Sánchez anuncia un aumento de 7 mil millóns de euros este ano, pra chegar ao 2% de gasto do PIB comprometido coa OTAN. Mais, seica este gasto xa é do 1.8% cando se teñen en conta as partidas con este fin que se reparten noutros ministerios, polo que o medre do gasto será superior ao anunciado. Só no 2023 sería dun 23 mil millóns de euros. A guerra na Ucraína, con todo o seu dramatismo, é terreo de proba da confrontación polo reparto do poder entre potencias. Daquela que sexa tan difícil lograr a paz. 

Te puede interesar