Opinión

A casta de Podemos

Ímoslle dando un repaso aos partidos políticos que neste ano de gracia van contender en varios comicios: municipais, autonómicos e xerais. E a novidade vai ser a irrupción de Podemos, ese partido neocomunista que pode ser un “bluff”, como Pedro Sánchez, o gurú do PSOE que fai tremer aos baróns socialistas.
Estes recén chegados que están contra a “casta”, vanse convertindo tamén no que denuncian. E inda non tocaron pelo, como din os toureiros. Pois media ducia dos seus dirixentes están, segundo informacións publicadas nos medios, subvencionados pola Venezuela do Maduro, ise asesino que foi asesorado por Pablo Iglesias e mais Monedero, ao que Rafael Hernando, portavoz do PP, chama “billetero”.
Os seis dirixentes de Podemos (Pablo Iglesias, Monedero, Luis A. Aguilar, Jorge Lago, Carolina Bescansa e Gema Galdón) teñen, tamén segundo informacións publicadas, perto de dous millóns de euros entre propiedades e posesións. ¡Pobriños!, esta “casta” que quere pór todo de patas enriba.
Pois ben, esta xente fixo negocios nunha Venezuela que agoniza de fame, miseria e cárceres e asesinatos, dirixida polos irmáns Castro dende a Cuba que lles manda médicos (moitos fuxen logo aos EEUU), mestres co seu marxismo ao lombo, soldados que teñen controlado ao exército venezolano pra que non se rebele contra Maduro…


Podemos está caendo no mesmo que criticaban nos faladoiros televisivos, onde igual falan do divino que do humán, que xa un xornalista andaluz lles chama os “tertulieneses”. Naceu como protesta á clase política e non sabemos ben se vai ser un “soufflé” ou se vai afianzar nunha sociedade anestesiada e farta de tanta corrupción. Claro que a Ley D’Hont pode peneirar os votos en favor dos dous grandes partidos, xa que fora das grandes capitais, nas pequenas e no rural ao mellor non rascan bola. Inda que poden pórlle fin ao bipartidismo que padecemos nesta partitocracia.
Agardemos a ollar o que sae, xa que, como dixera don Eugenio D’Ors: “Os experimentos fanse con gaseosa”. Inda faltan meses prás eleccións xerais, que será onde Podemos dará a verdadeira medida do seu poder..
P.D.: Zapatero, que levou á desfeita ás Españas e ao PSOE, anda viaxando e meténdose onde non o chaman. Non lle basta cos dous xornais que cobra como expresidente e conselleiro de Estado, todo un pastón?

Te puede interesar