Opinión

CONVERSAS CON DON RAMÓN

Deixemos hoxe á política que, como dín os nosos paisanos, é unha señora poucas veces decente, e falemos do señor de Trasalba, Don Ramón -eu sempre que escrebo sobor de íl, poño maiúscula, por aquelo de que foi algo que se saíu do corrente-, Don Ramón Otero Pedrayo -non manipular o seu apelido con i latina, xa que sempre firmou con y-.


Coñecín a Don Ramón cando acababa de chegar do seu último viaxe á Arxentina, logo de dar unha conferencia interminabel -como todas as súas- na Semana Cultural do 'Orfeón Unión Orensana', na rúa de Pontevedra. Presenteime a íl, e fumos parolando -íl máis que eu- ata a súa casa na rúa da Paz. Íl coñecíame polos escritos meus en La Región e sabía que era carlista, o cal achegabamanos moito na idea dunha Galicia de seu.


Logo, cando fun directivo do Orfeón, a nosa relación fíxose moi frecuente, tanto na rúa da Paz como na casona de Trasalba, onde tivemos conversas longas, inda que a verdade íl falaba o noventa e cinco por cento máis que eu. Mais era unha ledicia escoitalo. Endexamais o escoitei falar mal de ninguén. E era moi amigo de Francisco Elías de Tejada, un carlino moi ilustre ao que Don Ramón fíxolle un prólogo fermoso dun libro do meu amigo 'La tradición gallega' (Madrid, 1944), e que conservo encuadernado como ouro en pano.


O prólogo do mestre de Trasalba, escrito en Trasalba, tiña sete follas. E recordoume como cando antes da fogueira do 36 viñera ao Ateneo ourensá don Gregorio Marañón pra disertar sobor do Padre Feijóo e que o presentou Don Ramón, e que ao final Marañón díxolle aos asistentes: 'Boeno, como el señor Otero Pedrayo ya dio la conferencia sobre el Padre Feijóo en mi presentación, voy a hablar del Padre Sarmiento'. Ese era Don Ramón, que ao coller a palabra movía os brazos como un muiño, daqueles aos que Don Quijote de La Mancha atacaba, ao creer que eran xigantes.


Tiven a honra de facer a moción no Concello ourensá pra que fora nomeado Cronista de Ourense, ao finar Don Vicente Risco. E fíxena en galego, que coido foi a úneca que se fixo perante a dictadura. E Don Ramón axudoume a min e a outros directivos do Orfeón a traer á Semana Cultural aos persoeiros do galeguismo 'do interior', como esí se lle chamaban. Entre eles: Sebastián Martínez-Risco, presidente da Real Academia Galega; Carballo Calero, Fernández del Riego, Cunqueiro...


E como o espacio xa remata, as miñas conversas con Don Ramón foron longas e fructíferas pra min. Ensinoume como ninguén a amar a Galicia, sin que eu deixara de ser carlino. 'O Rego é carlista e eu son liberal', dicía sempre que alguén nos escoitaba. E adícolle a un home que endexamáis debeu morrer ista fermosa poesía:


Os que en vez de 'arresder'


din po-l-as flores 'cheirar'


que á pouco máis hé 'feder',


he que n'entenden d'oler


ou n'entenden do falar.

Te puede interesar