Opinión

Devolvédenos a virxe

Benquerido amigo Adolfo, uns facinerosos, fillos do Maligno, quitáronche a vida. Máis non che quitaron a gracia de ir a ese Ceo onde está a Virxe que ti adoraches, tan pequerrechiña nun cristal. Lembro un serán co común amigo Anxo, o devoto cegato de San Rosendo, na rectoral onde ti viviches moitos anos. Naquel serán merendamos os tres co que ti nos obsequiaches, a ao carón des Virxe do Cristal á que Curros Enríquez cantou coma ninguén:
 “Nunca se viu n-este mundo / máis feiticeira criatura, / nin pra tan grande hermosura / comparación pode haber: / Por ollos te dous luceiros; / por dentes, pelras d’os mares; por greñas, raios solares; por risa…, un amañecer”.
Esa é, benquerido Adolfo, a Nai de Deus feito Home que ises malvados, logo de che quitar a vida, roubaron, para que nós e tódalas xentes crentes Nela choremos pola túa marcha cara ao Ceo e a desparición da Virxe pequerrechiña.
¿Cómo pode haber xente tan malvada que che quitara a vida terrenal na que tanto sementaches, que somos moitos os que te coñecimos, os que gromamos a nosa fe, a fe do Amor que predicou o fillo de Deus?
Non sei seguir, benquerido Adolfo, pois as bágoas percorren a miña faciana, pola túa morte e polo roubo da Nai de Xesucristo, adorada e que cambiou o mundo, chea de gracia. Bendita entre tódalas mulleres. Sei que a Virxe do Cristal terate ao seu carón co Fillo de Deus, que se leva axiña aos que son merecentes desa gloria eterna, mentres quedamos eiquí os ruíns.
Mais ten a seguridade que no noso corazón, no meu en lembranza daquel serán contigo e co Anxo, non falamos mal de ninguén, pois dediante de ti era pecado facelo. Ata pronto, benquerido Adolfo, e que estes facinerosos e malvados nos devolvan a Virxe pequerrechiña, e que cando iste ano chegue o outono eí estemos para que dende ese Ceo no que estás e no que nós cremos, pídaslle a Virxe que nos axude a soportar tanta maldade como hoxe campa niste val de lágrimas.

Te puede interesar