Opinión

¿Onde está Fidel?

Dende hai un ano, Fidel Castro non dá sinais de vida. O heroe da Revolución en Cuba falaba e escribía no Gramma o seu adoctrinamento comunista. Mais o primeiro de xaneiro diste ano Fidel non apareceu. Non o fixo cando o acordo diplomático cos EEUU, esa “cenoria” que Fidel lles puxo aos cubanos botándolle ao bloqueo a culpa de tódolos males que asolan á Perla das Antillas, da que ata o ditador Franco dixera: “A Cuba que no me la toquen”.

Cuba segue co racionamento alimenticio (cinco ovos ao mes por persoa, un cuarto de litro de aceite…), e a xente segue intentando fuxir dese “paraíso” que, con Corea do Norte, é o único réxime comunista do mundo mundial. Están a soltar algúns dos moitos presos políticos que teñen nas espantosas cadeas cubanas, como contrapartida aos cubanos que lle devolve o Obama. Mais as liberdades máis elementais – o respecto aos dereitos humanos- seguen sen ver a luz tan ansiada, sobor de todo polas novas xeracións.

¿Estará vivo Fidel, pregúntanse as redes sociais? ¿Ou terano como a Lenin, unha momia pra que Raúl e compañía sigan vivindo como Deus quere que vivan? ¿Que vai pasar cando visiten Cuba Obama ou o papa Francisco? ¿Vanlle dicir que está indisposto? Máis cedo que tarde vaise saber a verdade nesa fermosa illa, onde Fidel se quedou co Centro Galego da Habana, feito polas nosas xentes que elí traballaban e creaban riqueza.

¿E entón vai seguir co lema “Patria o muerte, venceremos” quen hoxe están a munguir a vaca do poder revolucionario? Coido que, como tódalas ditaduras, ao morrer o can…, e que xa está a tardar en mudar o modelo político. Raúl segue coas soflamas que ollamos en Cuba-Visión, presentándonos unha –outra- illa paradisíaca, cando somentes os turistas con dólares poden ir aos hoteis, dos que, por poñer un exemplo, Meliá-España ten o 75% dos que son propiedade do Estado.

Se levantara a cabeza Martí e vira como está a Cuba que soñou, voltaba ao lugar onde hoxe agarda a Resurrección, que é un dogma da nosa Igrexa Católica que tanto axuda aos cubanos, a pesar dos pesares.

Unha última reflexión: ¿non terá pactado Raúl Castro con Obama coa mediación do papa Francisco unha transición lenta pra que non sexa sanguenta co revanchismo dos cubanos de Miami e os de dentro, e esí facer lentamente o paso dos “dinosaurios” mandamais da revolución aos que no exército – os xóvenes- queren as liberdades que todos desexamos? 

Eí deixo, amable lector, o que eu penso e desexo pra Cuba, a democracia que ten que chegar, inda que leve un tempiño.

Te puede interesar