Opinión

Da vida dos nosos avós...

Moito frío. Ía moito frío, un frío extraordinario, que penetraba no fondo dos osos. É unha das conclusións que saca Xavier Castro, da súa mirada ó pasado, no seu libro 'Servir era o pan do demo. Historia da vida cotiá en Galicia. Séculos XIX e XX', nunha fermosa e coidada edición de Nigratrea. Na memoria das xentes quedou o frío, cando nas casas rurais non había xeito de quentarse. Esoutro día o escritor Riveiro Coello, presentando a súa última novela, explicaba por qué imaxinaba Ourense con neve: quizais por unha nevada infantil vivida no seu Xinzo natal, quizais tamén por esa lembranza daquel frío abafante.


Presentouse o libro de Xavier Castro no Liceo, hai uns días. Co autor dialogamos Jesús de Juana e este cronista. É unha obra ben singular: a historia 'de todos os galegos', non das clases dirixentes nin das súas elites políticas; se se quere, un ensaio de microhistoria, un achegamento ós que sofren e sufriron a Historia. É esta unha liña historiográfica con moito seguimento hoxe noutras contornas, pero aínda escasa en Galicia: aquí cabe anotar o precedente dun estudo semellante, de Pegerto Saavedra, para o período 1550-1850, a etapa previa á que estuda agora X. Castro.


Contidos e fontes. Na súa estrutura achégase ó historiador á vida nos fogares galegos, á súa alimentación e indumentaria, á hixiene e a ese vivir tremendo de frío, á historia da infancia e da escola, ás formas de noivado,amor e matrimonio, tamén ó Ars Amandi na vellez dende as chocalladas ou á familia como conxunto. Esculca Xavier Castro con moi eficaz proveito nas fontes literarias de autores galegos (e non só), en galego e en castelán: esa Galicia tradicional dos textos de Lamas Carvajal e Rosalía, de Lesta Meis e García Barros, de Valle Inclán ou da Pardo Bazán. E a crónica dos cambios ó iniciarse o século XX: velaí os relatos de Castelao, Carlos Velo, Dieste, Fole, Neira Vilas, Otero, Núñez Búa, entre moitísimos outros. Cando lle convén, acode ó historiador ás memorias e hai poucas en Galicia, pero as máis próximas, doutros lugares de España, tamén aportan datos: Josefina Aldecoa, Carlos París, Haro Tecglen, Fernán Gómez, Alberti Cela, Edgar Neville, un longo etc. E acode ós informes oficiais e documentos especializados. E ás fontes orais. E mesmo á música ou ás artes plásticas, cando é preciso e pertinente.


De onde vimos. O traballo é ben meritorio: vanse así descubrindo os sinais da nosa Galicia tradicional, rural e ás veces urbana: as dúas Galicias, a do pan branco, de millo, e a do pan negro, de centeo; a que durmía nos colchóns de la e a que o facía nos de follasca. Galicia de ricos e de pobres, que houbo confrontación interna nese mundo que algúns escritores deseñaron máis harmonioso, idealizado. No que os maltratos á muller ou ós nenos eran a regra xeral e o absentismo escolar inevitable a maior parte do ano: os nenos facían falta nos labores agrarios. Os nenos que ían á escola con viño no bandullo e que medraban nun ambiente de violencia. Un retrato imprescindible tamén para saber de onde vimos.




Te puede interesar