Opinión

O misterio das augas

Augas salvadoras. Un home de letras escribiu no século XVI que ningunha muller debía lavarse, nin sequera nas súas partes íntimas. Disque a raíña Isabel, chamada a Católica, presumía de terse bañado só dúas veces ó longo de toda a súa vida. Eran outros tempos, con outros valores e códigos de conduta, sen dúbida.


Todas as grandes civilizacións acudiron ás augas en busca de pracer, alimento e reconforto. As augas están na base das grandes relixións, dende o xudaísmo ó Islam pasando polo cristianismo (Xesús bautizado por Xoán o Bautista) e por suposto tamén polas culturas orientais. Grandes civilizacións ás veces nacidas no medio do deserto máis cruel que non por azar falan da santidade das augas. Velaí a figura de Moisés facendo nacer as augas dunha rocha: na cidade de Petra ensinan os visitantes o suposto lugar do milagre.


En Mohenjo-Daro, na India, hai xa cinco mil anos todas as casas tiñan o seu baño particular. Varanasi, a cidade máis sagrada do subcontinente indio, con 70.000 templos, repousa as beiras do gran río Ganges que limpa as almas dos seus crentes.


Con semellantes argumentos, aínda hoxe milleiros de cristiáns acoden en pelerinaxe a santuarios como Lourdes e outros templos cristiáns. E habería que falar aínda do peculiar misterio ignorado dunha pequena cidade de augas quentes, nacida entre as néboas da historia pagana e coñecida hoxe no mundo como a cidade das Burgas.


Silicona no museo. ‘Como dous cabritos xemelgos de gacela, que son apacentados sobre os lirios’: velaí a fermosa metáfora coa que o poeta describe os seos da muller no ‘Cantar dos Cantares’. No mesmo libro fálase tamén de tetas como torres e de acios de uva para falar dos peitos femininos, que para o poeta francés François Villon, tan amado do noso Cunqueiro, eran unha ‘parella de mazás namoradas’. Tal é a riqueza semántica do corpo da muller, que inspirou versos, mitoloxías e pinturas penduradas en todos os museos do mundo. Símbolo do erotismo e alimento esencial do recén nacido, hoxe en cambio os peitos femininos son reconducidos á información médica (as habituais chamadas de alerta contra o cancro de mama) nos noticiarios televisivos.


Hai uns anos o Museo Ripley’s Belleve It or Not (Aínda que non o crea), planteábase mercar os implantes de silicona da canadiana Pamela Anderson, exhuberante actriz de ‘Os vixiantes da praia’. Magnífica metáfora da sociedade de plástico e Mac Donalds que vivimos, quizais o que quede deste noso tempo nos museos sexa ó cabo a silicona de Pamela. Queda por saber se un implante artificial, por moi rematado e perfecto que el sexa, pode ou non inspirar versos como aqueles que falaban de acios de uva e de gacelas.





Te puede interesar