Opinión

Aldeias do Xisto

Din que non hai nada mellor ca viaxar ao corazón dun país para coñecelo ben. No corazón de Portugal hai un mundo de aldeas sacadas de contos de fadas, un mundo onde a natureza e o home esculpiron rincóns dunha beleza incomparable, un mundo de casas de esquisto, pizarra e pedra. Un mundo onde as galiñas e as cabras dannos os bos días e onde os buitres e as cegoñas negras nos observan mentras ouvimos cantar as augas e os ruiseñores. Un mundo onde non nos podemos resistir a manxares tan esquisitos coma os ‘talasniscos’, a sopa de castañas ou á ‘chanfana’ (cabra macerada con viño tinto) que misturada coa ‘broa’ (pan de millo), rematada de facer no forno comunitario, remítenos a ese imaxinario idílico de como debe ser a vida de pobo e amósanos o concepto real do rústico. É unha viaxe ao Portugal profundo, o máis fascinante de cantos poidamos facer en busca do corazón dun país de xente afable, de antigas marcas da Historia, dunha natureza case intacta,... porque aquí todo ten unha historia ou unha lenda. Este mundo ten nomes, ten vintecatro nomes: Aigra Nova, Aigra Velha, Comareira, Pena, Cerdeira, Talasnal, Candal, Chiqueiro, Casal Novo, Gondramaz, Benfeita, Fajão, Janeiro de Baixo, Janeiro de Cima, Barroca, Água Formosa, Álvaro, Sarzedas, Martim Branco, Pedrogão Pequeno, Foz do Cobrão, Casal de S. Simão, Figueira e Ferrarias de S. João. Son as ‘Aldeias do Xisto’ (Aldeas de Esquisto).


Aquí a natureza pide a palabra. Pobos pequenos, rúas empedradas, bos alimentos e un entorno de fábula onde a riqueza natural abunda e o aire puro enche os pulmóns. Onde aínda é posible camiñar con cervos, xabalís e corzos. A viaxe as Aldeas do Xisto é unha viaxe a natureza e ao pasado dun país onde podemos coñecer grandes historias dos aldeáns que coma o señor Fernando sempre están dispostos a compartir as súas tradicións ancestrais cos visitantes ou coma a señora Adelia que nos convida a un excelente almorzo e amósanos como funciona o muíño de aceite. Pero é tamén unha viaxe á cultura, a artesanía e a etnografia porque aquí a cultura é un modo de vida.


No centro deste mundo de pedra atopámonos coa Serra da Lousa, na cal, segundo a lenda, existe unha galería oculta, onde están gardados os máis belos tesouros. A entrada ábrese grazas a un encantamento durante unha noite de Lúa Chea, á medianoite en punto. Para que iso aconteza é necesario cumprir un ritual. Sete persoas teñen que ler o libro de San Cipriano ata o final. Despois deberán pasar a noite no bosque sentados sobre un pentagrama que terán debuxado na terra. Á medianoite, aparecerá unha Moura Encantada que os levará ata a entrada da mina. O grupo entrará, e irá percorrendo un camiño cheo de perigos. Se logran superar todas as probas, conquistarán o tesouro. Contan os anciáns que moitos o tentaron pero, ao que parece, ninguén tivo nunca a caraxe necesaria para chegar ata o final. O tesouro aínda segue alí. Atrévense?

Te puede interesar