Opinión

Benazir Buttho

Din dela que era unha política de raza, culta, libre, valente, bela e segura de si mesma. A súa vida estivo soslaiada pola opción da loita política, pero Bibi, como a chamaban no seu país, mais ben viuse empurrada a area pública case por obriga, a mesma á que agora debe enfrontarse o seu fillo, Biulawal Buttho. Esa obriga que nace da estirpe familiar e que no caso de países empobrecidos e de escasa tradición democrática, supón a supervivencia dun partido político o que ao mesmo tempo sinala a súa debilidade. Era a filla meirande de Ali Bhutto, o primeiro presidente non militar de Pakistán executado polos militares en 1977. Este feito cambiaría a súa vida. Ela mesma escribiría nas súas memorias: ’Eu non elixín esta vida, ela elixiume a min’ e noutro capítulo engade ’nese intre prometinme a min mesma que non descansaría ata que a democracia voltara a Pakistán’.


Era unha política de raza pero non de natureza, o que marca a diferenza entre un bo e un mediocre político, e probablemente isto fixo que non soubera estar á altura cando acadou o poder. Dúas veces estivo no goberno de Pakistán e as dúas saiu en medio de escándalos de corrupción, na última das cales tivo que exiliarse para non enfrontarse ás acusacións. Din os analistas políticos internacionais que o seu gran ’pecado político’ foi caer nas redes da súa familia política. O seu home, Asif Zardari, quen pasou oito anos na cadea por corrupción, e o seu sogro eran coñecidos coma ’mister 10%’, polas comisións que cobraban, nun país no que o 74% da poboación vive por debaixo do umbral da pobreza e o 55% dos nenos nunca foron á escola.


Mais aló das especulacións sobre a súa morte, pois son moitos os intereses e meirande a lista dos seus inimigos, e recoñecendo a traxedia que supón para a súa familia e para o seu país, a Historia probablemente verá nela a alguén con valentía física pero non política. Os seus electores eran os pobres pero os pobres pakistaníes queren pan, roupa e vivenda e ela cando tivo responsabilidades de goberno non cambiu a súa situación nen a forma de gobernar, mais ben islamizou de forma radical a sociedade e a política e mantivo altísimo o gasto militar. Decía Montesquieu que para realizar grandes obras en política non había que estar por riba da xente senón con eles. Non representaba de forma clara unha opción de cambio pero era o mal menor e sobre todo era a líder do principal partido laico, e aínda que non respondera ás espectativas cando tivo responsabilidades de goberno sempre acedeu ao poder por médio das furnas o que en Pakistán é toda unha escepción.

Te puede interesar