Opinión

Cervantes ou/e Pondal?

Todas as linguas son importantes en tanto que todas as persoas o son. Cantas máis linguas coñezamos máis ricos somos intelectual e culturalmente. Ao menos isto aprendín de pequena. Logo fun aprendendo máis sobre os beneficios que a aprendizaxe doutros idiomas tiña para os rapaces, de tal xeito que eu cría que cando dous idiomas estaban ben equilibrados, os nenos bilingües tiñan avantaxes de pensamento sobre os nenos monolingües. Pero algo parece haber cambiado. Agora parece ser que aprender galego e castelán ao mesmo tempo produce unha especie de ofuscación mental ás novas xeracións. Isto leva a cousas tan surrealistas coma a que puiden presenciar hai uns días no patio dunha escola cando empezaba o curso escolar. Unha nai laiábase xunto doutra deste xeito: ‘Viches os libros dos rapaces?, unha trapallada, uns vén en galego e outros en castelán; así como non van suspender, se ata os profesores o din... Pobre de mín!, e eu que pensaba que os nenos galegos podían aprender dúas linguas ao mesmo tempo, que os mestres galegos tiñan capacidade para expresarse nas dúas linguas e que aprobar ou suspender estaba en relación con contidos, metodoloxía, motivación, esforzo, recursos...! Fixen memoria de cando ía á escola, cando non podía estudiar galego porque non figuraba nos plans de estudio, cando tiña que escoller entre inglés ou francés , que pobreza! Cando a nivel europeo xa se fala de plurilingüismo aquí seguimos ofuscados co arcaico debate do bilingüismo; a ver se vai ter razón aquel vello dito de que Europa empeza nos Pirineos! ‘Alguén imaxina este debate en Bélxica, Suiza ou Finlandia, por poñer exemplos de países europeos, desenvolvimos e con varias linguas oficiais? A propósito disto, os nenos finlandeses que encabezan o informe Pisa (programa internacional para a avaliación de estudiantes) estudian en dúas linguas (finés e sueco) pero contan cun dos mellores sistemas educativos do mundo.


Sen entrar para nada en nengún tipo de nacionalismo lingüístico, tan nacionalismo lingüístico é a defensa só do castelán coma só a do galego, e afastándome deses dramatismos de guerras lingüísticas e tramas persecutorias nas que de cando en vez algúns nos tentan meter, penso que as linguas son de todos e constitúen un instrumento para comunicarnos non para afastarnos. Penso que en Galicia aínda non hai verdadeiro bilingüismo senón unha situación de diglosia que se tenta correxir con medidas máis ou menos afortunadas e non deberíamos confundir, probablemente de forma interesada, normalización con persecución. Penso que nos estamos dirixindo hacia sociedades multiculturais e plurilingües nas que as situacións de linguas en contacto van ser cada vez máis cotiás e a isto debemos acostumarnos. Penso que poñerlle o ‘e’ ao título deste artigo sería moito máis enriquecedor que o ‘ou’. Que pensan vostedes?

Te puede interesar