Opinión

Cobiza no Cáucaso

Conta a tradición mitolóxica grega que Prometeo roubou o lume sagrado, que os deuses lle sacaran ao home, devolvéullelo e ensinoulles aos humanos todos os coñecementos e as artes. Isto provocaría a cólera de Zeus, que non admitía, como deus supremo, que os homes fosen igualados aos deuses. Como castigo, Zeus ordenou atar a Prometeo con cadeas de cobre a unha montaña do Cáucaso, considerado un dos sete piares que sostiñan ao mundo, para que as súas entrañas fosen devoradas durante o día por unha aguia, pero como os deuses son inmortais estas rexerábanse durante a noite para ao día seguinte ser devoradas de novo. Lendas aparte, este territorio montañoso situado no sueste do continente europeo entre o mar Negro e o mar Caspio, a cabalo entre Europa e Asia, apetecido por deuses, dominado por asirios e saqueado por gregos, persas, mongoles, turcos, tártaros e árabes, é hoxe o centro doutro gran xogo no taboleiro das relacións internacionais por obra e graza dos desexos independentistas, do control da riqueza enerxética e das rutas comerciais de Oriente a Occidente. E é que poden cambiar os deuses pero non a súa cobiza.


A estas alturas xa todo o mundo está informado do que pasa no Cáucaso, o que non estou tan segura é de que esteamos formados. Rusia e Estado Unidos ( eu prefiro o de a Rusia de Putin e os EE.UU. de Bush) consideran esta rexión como esencial para os seus xuros estratéxicos. Se para os antigos deuses era un piar que sostiña o mundo, para os dous dirixentes o piar que sostén o mundo ten a imaxe de barril de petróleo: calcúlase que o mar Caspio alberga 25.000 millóns de barrís de hidrocarburos. Xeorxia, a piques de entrar na OTAN, o que equivalería a unha base militar nos fuciños de Rusia, ten grande interese estratéxico para os EE.UU. de Bush porque a través do seu territorio pode levar o petróleo do mar Caspio ata os portos de Turquía, sen pasar por territorio ruso. Pola súa banda, a Rusia de Putin conta xa cun oleoduto que atravesa a rexión, desde Bakú, no Caspio, ata o porto de Novorossiysk, no mar Negro. Pero ademáis a rexión ten reservas de carbón, cobre, chumbo, manganeso e é o paso do gas de Asia Central, entre outros productos. E en medio deste taboleiro de xuros sitúanse tres países que recuperaron a súa independencia tras a desintegración da URSS: Armenia, Xeorxia e Azerbaixán; e sete repúblicas autónomas que forman parte da Federación rusa: Chechenia, Osetia do Norte, Ingushetia. Daguestán, Kabardino-Balkaria, Karachevo-Cherkesia e Adiguea, e dos que ata hai pouco nunca ouviramos falar pero que non son máis que pequenas bombas de reloxería creadas artificial e caprichosamente co único obxectivo de dividir grupos étnicos e inestabilizar a rexión.


A estas alturas con toda probabilidade todos vimos a fotografia do cidadán de Gori chorando, desgarrado pola dor, polo seu irmán morto e que se converteu xa na fotografia deste conflicto. Tódolos conflictos e tódalas guerras teñen a súa foto e este non ía ser menos. Pero tamén coma en todas elas esta foto ten unha historia. ‘Yo no quería dejarlo’, dijo Zaza Rasmadze sobre su hermano muerto Zviadi (+33). ‘Yo quería guardarlo para siempre conmigo, para que todos los que le conocieron, pudieran tambien llorarlo’. Zviadi vivía coa súa muller e co seu fillo en Gori. Estaban na súa casa cando empezaron os bombardeos sobre a cidade. Saíron para protexerse pero unha bomba caeu xunto deles, Zviadi e a súa muller (embarazada de oito meses) morreron e o seu fillo de sete anos foi ingresado nun hospital con feridas nos oídos. Algún día cando este rapaz se pregunte por qué morreron os seus pais alguén lle debería explicar que dous señores xogaban a deuses no taboleiro do Cáucaso mentras, a ONU nen estaba nen se lle esperaba e a comunidade internacional aplicaba aquilo da ‘dobre moral’: uns defendían a integridade territorial de Serbia, pero non a de Xeorxia, e outros defendían a integridade territorial de Xeorxia pero non a de Serbia. E todos eles dicían facelo en nome da legalidade internacional.



Te puede interesar