Opinión

Congo: o que a verdade agocha


Oona King, política británica, dicía ironicamente en 2003 con motivo da chamada Segunda guerra do Congo, que aos nenos no Congo se lles mandaba ás minas a morrer, para que os nenos en Europa matasen alieníxenas nos seus salóns coa Playstation de Sony chea de coltan. Cando no mes de xullo pasado Vázquez Figueroa presentaba a súa última novela, ‘Coltan’, explicaba que con ela pretendía concienciar á xente sobre a importancia estratéxica deste mineral con máis interese que o petróleo.


Kavira Tassy, unha xove de 29 anos, tivo a mala ocurrencia de nacer muller e na rexion de Kivu, chea de minas de coltan e de sangue. Na súa casa non hai nen luz nen auga. Pero toda a rexion está chea de buracos na terra nos que homes, mulleres e sobre todo nenos (man de obra barata e doada de silenciar) pican con martelos para atopar coltan. Hai uns días, na que supoño algún ilustrado calificará coma Terceira guerra do Congo, foi violada xunto con outras 75 mulleres máis, porque no Congo as violacións masivas son unha arma de guerra. Tutsis e hutus (división creada artificialmente pola potencia colonial belga) fronte a fronte librando unha loita entre multinacionais polo control dun mineral do que a meirande parte de nós ata agora nunca ouviramos falar pero que está nos nosos móviles, nos nosos portátiles, nas Playstations dos nosos fillos, nas nosas pantallas TFT, nos nosos mp3... e cuxo dominio constitúe o dominio das comunicacións a nivel mundial. E que é este dominio fronte aos sete millóns de persoas que levan morto no Congo dende 1996!, cando un visionario traficante de ouro e marfil chamado Laurent-Desire Kabila apoiado por EE.UU., Gran Bretaña e Bélxica, depuxo a outro tirano, Mobutu apoiado por Francia e quen fora posto no poder por EE.UU., e empezou unha guerra que ata hoxe non rematou pero que virtualmente non existe.


Agora o destino de Kavira Tassy cruzouse coa cobiza doutro ‘señor da guerra’, Laurent Nkunda, apoiado polo goberno de Ruanda quen a súa vez serve aos intereses de Estados Unidos, Reino Unido, Bélxica e Holanda.


Alguén dixo, non lembro quen, que chegue como chegue, sobresae sempre a verdade, que non ten que ver no negocio da verdade. E a verdade é que esta non é unha guerra tribal. É un intento de anexión da rexión de Kivu por parte de Ruanda co apoio das potencias occidentais e de certas multinacionais que ven perigrar o seu graneiro de materias primas (coltan e diamantes fundamentalmente) ante a firma por parte do goberno congoleño de contratos comerciais con China. En fin, se algún día a alguén se lle ocorre escribir un manual de como se saquea un país non ten mais que reflectir a historia colonial e poscolonial do país que foi nada máis e nada menos que propiedade privada do rei Leopoldo de Bélxica.



Te puede interesar