Opinión

Demos no paraíso

Deste xeito titula o escrito de presentación da súa última novela Fernando Gamboa. Chegou ao meu correo o email deste escritor da man dunha amiga coñecedora do meu interese sobre este continente. E é que sobre África, sobre a miseria dos africanos, o enriquecemento e os abusos dos seus mandatarios, trata este escrito co que Fernando Gamboa nos dá a coñecer tódalas súas pescudas durante a investigación previa á redacción da súa novela ‘Guinea’, e que todos e todas vostedes poden atopar nesa multinacional do saber que é Internet.


Neste escrito Gamboa vén a dicirnos e a lembrarnos que este foi un país que formou parte de España ata 1968 en que lle foi concedida a independencia. Que deixamos un país coas arcas baleiras e cunha democracia de opereta dirixida por un tirano que instaurou o terror no país durante once anos.


Que foi substituído en 1979 polo seu sobriño, Teodoro Obiang Nguema , quen tras executar ao seu tío converteu Guinea no seu ‘cortijo’ particular. Que en Guinea se atopou petróleo, moito petróleo, hai algúns anos, o que fixo do seu presidente o bo boísimo tío Gilito, pois xa se sabe aquilo de que unha ditadura con reservas petroleiras é menos ditadura. Que mentres o presidente e a súa familia se enriquecen, os dereitos humanos son trepados, dise que ‘en Guinea Ecuatorial, ata as cadeiras teñen medo’, e os guineanos morren, morren de fame, de doenza, de desesperación e de esquecemento. Son os reféns das súas propias riquezas. Pero os seus defensores dentro do país xustifícano deste xeito: ‘O presidente é un deus que está en contacto permanente co Todopoderoso e pode matar a calquera sen que ninguén lle pida contas e sen ir ao inferno, porque é o Deus mesmo’. Sen comentarios, unha ao escoitar ou ler cousas coma esta queda sen palabras.


Mentres lía o escrito de Gamboa pregunteime a min mesma cantos demos máis quedarían no paraíso. Así que pescudei un pouquiño por Internet e as cifras coas que me atopei son sorprendentes.


Contei 31 ditaduras, unhas militares, outras seudodemocráticas (que habelas hainas) e outras monarquías absolutas, que para o caso é o mesmo: Corea do Norte, Cuba, China, Laos, Vietnam, Myanmar, Libia, Irán, Sudán, Paquistán, Tailandia, Chad, Arxelia, Burkina Faso, Camerún, Djibouti, Exipto, Guinea, Guinea Ecuatorial, Marrocos, Zimbabwe, Uzbequistán, Turcomenistán, Bielorrusia, Arabia Saudí, Omán, Brunei, Emiratos Árabes Unidos, Qatar, Bután, Nepal. Pero como en case todo hai categorías, o mundo da maldade non ía ser menos, así que a revista ‘Parade’ publicou recentemente as dez peores ditaduras do mundo, onde xenocidios, torturas, corrupcións, violacións..., son os ‘méritos’ que todas elas acumularon para tan grande honra: Sudán, Corea do Norte, Myanmar, Zimbabwe, Uzbequistán, China, Arabia Saudí, Turcomenistán, Irán e Guinea Ecuatorial.


Chama a atención cando menos dúas cousiñas: Primeiro, que moitos destes países recibiron inxentes cantidades de diñeiro en axuda para o desenvolvemento que foi parar á caixa chica dos seus ditadores dirixentes; e segundo, que todos eles son membros da ONU, 12 están na Comisión de Dereitos Humanos e 4 no Consello de Seguridade. E unha que é sumamente inxenua pregúntase se non é unha ironía que estes sexan os árbitros dos dereitos humanos no mundo actual, que autoridade moral teñen para selo cando nos seus países torturan, matan e pisotean tódolos eses dereitos, e como podemos considerala un organismo democrático cando unha parte dos membros da súa Asemblea Xeral son dictadores.



Te puede interesar