Opinión

Educación ou castigo?

‘A educación é o gran motor do desenvolvemento persoal. É a través da educación que a filla dun labrego pode converterse en médico, que o fillo dun mineiro pode converterse en xefe da mina, que un neno calquera pode chegar a ser o presidente dunha gran nación...’. (Nelson Mandela)


‘Neno de once anos mata á noiva do seu pai embarazada, por celos. Será xulgado como un adulto e posiblemente condenado a cadea perpetua’.


‘Delitos de adultos, castigos de adultos’.


Perante estas dúas noticias, titulares de prensa a semana pasada, teño algunhas interrogantes: en realidade o mesmo delito cometido por un neno e por un adulto son iguais?; a responsabilidade dun neno e a dun adulto son iguais?; un neno ten o mesmo concepto de culpa-castigo que un adulto?; ten un neno de once anos a madurez necesaria para comprender a criminalidade dun acto?; se un neno de once anos está maduro para ser xulgado como un adulto, tamén poderá votar, casar, conducir un coche?; sería importante ao falar dos delitos cometidos por nenos/as analizar que políticas e programas implementan os gobernos para dar respostas ás diversas problemáticas dos nenos/as?; se os delitos cometidos por nenos están aumentando e a única resposta que se nos ocorre é pechalos canto máis pronto mellor, non responderá isto a unha actitude egoísta de afastar ao que nos estorba, condenando o dano e non a causa, para remendar o problema sen solucionalo, ou en verdade cremos que a cadea perpetua evitará que outro neno faga o mesmo?...


En fin, unha vez máis estou feita un enredo. E é que, posiblemente, movida pola miña fantasía, nunca crin que o cárcere fose o lugar adecuado para un neno/a, fagan o que fagan seguen sendo nenos. Sempre crin, movida pola miña inxenuidade, que o castigo producía obediencia pola forza e o temor, que domesticaba pero que non educaba. Sempre crin, polo que nos di a psicoloxía e a pedagoxía, que un neno de 11 anos non tiña a capacidade mental de ser xulgado como adulto por máis arrepiante que fose o crime. Sempre crin, por experiencia profesional e persoal, que os nenos destas idades non medían as consecuencias dos seus actos máis aló dun par de horas, só hai que ver a calquera neno desa idade actuar: enfádase por un tempo, diche que non te quere e tras un anaquiño de tempo xa é o teu mellor amigo e fai todo o que lle pidas.


Educativamente falando, o cárcere é demoledor e destrutivo para un neno/a.. Sento arrepíos cando escoito iso de política de ‘man dura’ cos delitos infantís, recordo aquel dito de Óscar Wilde: ‘Una sociedad se embrutece más con el empleo habitual de los castigos que con la repetición de los delitos’. É un intento torpe e populista de tapar o sol coa man e de distraer a atención sobre as causas do problema.


O ‘castigo’ debe estar orientado á educación, a que os nenos/as reflexionen sobre as súas condutas e sexan conscientes do dano causado, axudarlles a que fagan súas as normas sociais mediante un proceso crítico, axudarlles a buscar alternativas axeitadas a súa conduta, e, sobre todo, a analizar as causas, a traballar sobre elas, posto que na meirande parte dos casos a conduta antisocial dun menor é a manifestación doutros problemas que poucas veces se tratan ou se ouven cando acontece un feito coma este. Xa nos dicía Confucio: ‘Traballa para impedir os delitos para non necesitar castigos’.



Te puede interesar