Opinión

EEES, a mazá da discordia

Probablemente esta sexa a noticia que máis escoitaron nos últimos meses ou leron nos medios de comunicación referida non só a España (aquí moi localizada en pontos concretos, aínda) senón tamén a outros países europeos. E, claro, se nos fiamos do que nos chega por diversos medios, rápidamente xorde unha pregunta, pero por que protestarán estes rapaces e mozas se van poder viaxar por Europa para estudar con todo o bo que isto comporta, se van ser calificados polo traballo realizado durante todo o curso, van poder realizar prácticas en prestixiosas empresas e incluso poderán financiar os seus estudos, coma se comprasen unha vivenda, vaia?; por fin, somos Europa e vai estes rapaces e a protestar! Pero resulta que os rapaces dos nosos compatriotas europeos tamén protestan. Algo debe haber no fondo de toda esta marabilla de reforma que non lles gusta moito. Se analizamos os feitos obxectivamente e pasamos da superficie ao fondo decatarémonos dalgunhas cousas. No ano 1999, 29 ministros de educación da UE asinaron unha Declaración conxunta na cidade italiana de Boloña co obxectivo de crear un Espazo Europeo de Educación Superior que funcionase como ponto de referencia das reformas educativas previstas para o século XXI. Nacía así o Espazo Europeo de Educación Superior' (EEES), coñecido popularmente como Plan Boloña, coa idea de crear unha titulación única en toda Europa e desta forma favorecer a mobilidade dos estudantes dentro do espazo europeo e adaptar os contidos ás necesidades da sociedade.


A idea é boa pero a forma como se está levando á práctica creo que non é a axeitada. Facer, innovar, mellorar, reformar, cambiar,... todo isto é fundamental para que unha sociedade avance, pero as formas son fundamentais. Pódese ter toda a razón do mundo cando se fai algo que se as formas non son as axeitadas pérdese todo. E creo que con isto é co fundamental co que chocou o Plan Boloña. Toda mudanza xera inquietude e aquí hai unha mudanza, e unha mudanza non só metodolóxica senón tamén estrutural, e informouse tarde e mal. A desinformación existente encol a temas fundamentais como a asistencia obrigatoria a clases que impón a avaliación continua e o que isto carrexa a aquelas persoas que teñen que traballar para pagarse os estudos; a participación das empresas nas universidades e a desconfianza que isto comporta; a importancia dos másters, que substitúen ás especialidades das actuais carreiras, e que as univer sidades poidan elixir, segundo criterios propios, aos alumnos que os fagan; o sistema mixto de financiamento das universidades públicas; as bolsas-préstamo,... ata o ponto que xa hai quen fala de mercantilización da Universidade.


Evidentemente, só alguén mergullado no Paleolítico pode estar en contra da nova metodoloxía e dos principios pedagóxicos defendidos no Plan Boloña ou en contra da apertura da universidade á sociedade, pero a dúbida xorde á hora de saber como se vai realizar isto. No ‘como’ está a resposta a se o EEES vai ser a antítese do saber, se os estudantes serán clientes, se se vai destruír a formación humanística, se se entrega a Universidade ás multinacionais, se a universidade vai quedar ao servizo das empresas privadas, se vai primar a formación de man de obra para o mercado. Estas e outras moitas interrogantes non as resposta Boloña, que non é máis que unha declaración de intencións e pouco máis. A isto só nos respostan as leis adoptadas en cada país para desenvolver esta ‘declaración ou plan’ e como se levarán a practica estas leis. Mentras non se lle explique á sociedade claramente todo isto, mentras se siga actuando a marxe de quenes o van levar a práctica (estudantes e profesores), seremos moitos os que pensemos que a educación universitaria está pasando de ser un dereito accesible para todos a ser un privilexio para quen a poida financiar. Finalmente déixolles unha pregunta para o debate: a Universidade debe estar subordinada á sociedade ou debe ser motor de cambio da sociedade?

Te puede interesar