Opinión

Gaza

Nós non temos intención de facerlles doada a vida’, estas palabras, en referencia aos palestinos que viven na Franxa de Gaza, ditas polo presidente israelí Olmert nunha xuntanza con membros do seu partido e recollidas pola prensa internacional, reflicten de forma nítida, entre outras cousas, o futuro que lles espera ao millón e medio de palestinos que se asentan nesta pequerrechiña franxa de tan só trescentos sesenta kilómetros cadrados. Con toda probabilidade nos custe imaxinar como pode ser a vida neste lugar sen auga corrente, electricidade e alimentos e de sufrir a cotío o ataque de misís, tanques e toda a artillería de Israel. Din que cando un israelí quere insultar a alguén non o manda ao inferno, dille: ’¡Vaite a Gaza!’, o que nos pode dar idea da consideración que os propios habitantes de Israel teñen do lugar.


Gaza ten o dudoso ’honor’ de contar con dous recordes: ser a zona máis densamente poboada e o lugar máis acurralado, asediado e asoballado do planeta. John Dugard, relator especial das Nacións Unidas para os Dereitos Humanos, definiu o lugar do seguinte xeito: ’Gaza é un cárcere e parece que Israel tirou coa chave ao pozo’. Só tres datos estadísticos nos poden axudar a comprender algunhas cousas: 600.000 persoas reciben axuda alimentaria da ONU; a pobreza alcanza ao 82%, dos que o 35% son considerados ’extremadamente pobres’, e máis de 30.000 palestinos perderon as súas casas como resultado das demoliciós feitas polo exército israelí en tan só dous anos. Se Gaza fose un enfermo ao que o médico lle fixera unhas radiografias para facer unha diagnose, estas diríanlle o seguinte: A Franxa de Gaza foi creada despois da guerra árabe-israelí de 1948 e as súas fronteiras definíronse polas liñas de alto o fogo. Púxose baixo goberno de Exipto e mantida en fideicomiso para un futuro Estado palestino. O territorio estivo deste xeito ata 1967 en que foi ocupado por Israel ata o asinamento dos Acordos de Oslo de 1994, nos que Autoridade Nacional Palestina recibiu o 80% do territorio. As radiografías clarificaríanlle tamén que este enfermo padece unha doenza crónica dende o ano 2000, cando os israelís aumentaron os peches das fronteiras palestinas, porque a vida deste paciente depende da apertura e o peche dos postos fronteirizos. Israel, consciente deste feito, cando no 2005 retirou tódolos seus soldados e colonos en cumprimento dun plan impulsado por Ariel Sharon, coidouse moi moito de manter o control do espazo aéreo, marítimo e de todo tipo de vehículos, incluído o subministro de alimentos e mercadorías. Se para completar a diagnose o médico lle pedira facer unhas análises estas reflictirían que hoxe a Franxa de Gaza está mergullada nunha crise humanitaria por mor do peche dos pasos fronteirizos de Karni e de Sufa, por onde pasan as principais mercadorías a Gaza, o que devastou a súa economía e privou aos palestinos de productos de primeira necesidade.


Se o médico tentara buscar as causas disto, atoparíase con que só son ’danos colaterais’ producidos polo triunfo nas pasadas eleccións palestinas do grupo radical Hamás; Hamás e o Estado de Israel nunca se recoñeceron reciprocamente. Pero o problema non é Hamás, pois, a forza de ser sinceiros, estes chegaron de forma democrática ao poder, gústenos ou non; a análise debería consistir en preguntarnos por que o pobo os elixiu. Hamás non é máis que a consecuencia da política de Israel, a inoperancia da ONU e a covardía da comunidade internacional que mira cara outro lado mentras un pobo é asoballado na súa propia terra, e xa se sabe que a inxustiza, a pobreza e o resentimento son a mellor escola do soldado.


Nunca entenderei isto ’dos danos colaterais’, nunca entenderei que os irmáns Mohamed e Aamer Al Jazghy e o seu fillo de doce anos, unhas das últimas víctimas (porque en Gaza as víctimas tamén ten nome), sexan ’danos colaterais’, nunca entenderei que os centos de palestinos que están escapando cara Exipto sexan ’danos colaterais’, nunca entenderei que centos de nenos non poidan ir á escola porque son danos colaterais, nunca entenderei como se pode deixar sen luz, sen auga e sen comida a milleiros de persoas porque son ’danos colaterais’.... O respeto á vida, aos Dereitos Humanos e a legalidade internacional é algo ao que non debemos renunciar xamais. Matar a persoas por defender unha ideoloxía non é defender unha ideoloxía, é matar a persoas.

Te puede interesar