Opinión

Kenia

Cando estes días lía na prensa as novas que nos chegaban, ou mellor debería dicir que nos transmitían, os medios de comunicación sobre a situación que se está a vivir en Kenia dende hai dúas semanas, non podía por máis que lembrar que probablemente sexa o país de África negra máis cinematográfico de toda a historia do cine. Películas coma Memorias de África, Pasións en Kenia,A masai branca, e aqueloutras máis antigas (Mogambo, As minas do rei Salomón,Cañóns de Batasi,...) que nos achegaron ás reservas de Amboseli, ao Masai Mara, á terra dos lexendarios guerreiros Masai,cuxas lendas foron recollidas por escritores coma Joseph Conrad ou Karen Blixen , perdurarán nas pegadas da memoria evocando unha Kenia de animais exóticos, paradisíacas paisaxes e ancestrais costumes. Unha Kenia para o celuloide de xente bobalicona e servil,unha Kenia colonial de aristocratas aventureiros, solitarios cazadores brancos e fortes granxeiros; de xeito que se nos foi achegando unha idea de Kenia sen lembrarnos que alí, nas inmediacións do Rift Valley, xurdiu a nosa primeira chispa racional ou que é un país dunha cultura tan rica e variada como nos dan idea os corenta grupos lingüísticos existentes. Pero Kenia , o país dos atletas de ’pés lixeiros’ e do bo café, é tamén Sida, pobreza e corrupción, é o país de Kibera, o barrio de chabolas meirande do mundo, algo non moi cinematrográfico, por certo, a excepción do cine comprometido de Fernando Mirelles quen na súa recente película ’El jardinero fiel’ reflíctenos de forma tan ruda e real as condicións de pobreza do lugar que ata os participantes na película crearon unha organización para ofrecer educación básica nestes poblados onde se amontoan miles de kenianos, o 33% portadores da Sida, en casetas feitas de chapa e madeira sen saneamentos, nen luz, nen auga , nen case servizos sanitarios e onde a rabia acumulada pola pobreza constitúe o primeiro cóctel explosivo do país.


Hai uns meses comentábame un misioneiro que botou por terras africanas trinta anos que en África os partidos políticos non son nen de esquerda nen de dereita, son tribais e calquera cousa serve para espertar os odios que durmen un sono lixeiro. Kenia, un dos países máis desenvolvidos de África e que a diferenza dos seus viciños nunca sufriu enfrontamentos civís importantes, non escapa a esta situación. O pretexto para o que está a acontecer agora é o presunto fraude electoral nas eleccións do pasado 27 de decembro do presidente Mwai Kibaki, pero isto só foi o espertador do odio,o resentimento e a rivalidade existente entre os dous principais grupos étni cos do país, o segundo cóctel explosivo,: Kikuyu e Luo.Os primeiros son a principal das corenta etnias nas que se dividen os trinta e sete millóns de kenianos e á que pertence Kibaki .Kibaki, quen chegou ao poder no 2002, non foi quen de poñer fin á corrupción existente no país e as súas promesas electorais axiña quedaron só en palabras favorecendo os intereses da súa tribu, algo que ven acontecendo no país dende a súa independencia en 1963.Esta superioridade tanto política coma económica dos kikuyu fai que os luo, segundo grupo do país, se sintan marxinados. Nestas pasadas eleccións toda a esperanza deste grupo estaba no seu líder, Raila Odinga, ao que chaman o presidente do pobo e quen a pesares de dominar en tódolos sondeos preelectorais resultou perdedor por curta marxe nun escrutinio presuntamente cheo de irregularidades.Isto foi a mecha que prendeu os dous cócteles explosivos e que desatou unha violencia político-étnica sen precedentes en Kenia a que, segundo as axencias humanitarias, causou xá 700 mortos e 250.000 desprazados e para a que non se asexa solución inmediata. Probablemente esta podería pasar por un goberno de coalición pois penso que nun país coma Kenia o importante non é quen goberne senón a saúde das institucións e a responsabilidade de cada quen.

Te puede interesar