Opinión

Mustafá Barghouthi

Somos as víctimas das víctimas’, deste xeito definía o pasado martes, en Ourense, ao pobo palestino Mustafá Barghouthi tentando explicar de forma sinxela porque en Palestina non se convive, ódiase, mátase e mórrese. Veunos a dicir algo moi sinxelo e a vez complexo, e que moitos xa sabiamos hai tempo, que non son máis que as víctimas de quenes queren que os demais aproben a súa política inhumana sobre a base do interminable sufrimento do pobo xudeu. ‘Non vou negar o sufrimento espantoso do pobo xudeu en Europa, pero nós non somos responsables dese sufrimento’, afirmou. Sei que emocionalmente isto é difícil de aceptar pero creo que se nos achegamos á historia coa cabeza valeira de prexuizos, tanto por unha banda coma pola outra, decatarémonos que isto é un feito.


Na loucura que sacude Oriente Medio, de cando en vez, xorden voces que tentan explicar o que aló pasa deixando a unha beira a xenreira e o odio e que fan realidade aquel dito tan enxebre e que deberiamos poñer en práctica a cotío, ‘vive e deixa vivir’. Aínda que só fose por iso, nun conflicto con tanta violencia atoparnos cunha cara amable e con un caracter tan constructivo á marxe de fanatismos, tanto dun lado coma do outro, merece que lle adiquemos un anaquiño do noso tempo.


Este home, nacido en Xerusalén nunha familia palestiniana, reformista, activista dos dereitos humanos e defensor da resistencia pacífica, representa a liña intermedia entre Hamas e Al Fatah. Cun discurso contundente pero convincente e sen estridencias no que non se albexa nengún odio nen resentimento e valéndose de fotografías, mapas e vídeos demostrounos con feitos que a situación actual pola que pasa Palestina é de apartheid, peor aínda que o que se viviu en Sudáfrica e que lle deu nome.


Falounos de que a súa é a limpeza étnica máis rápida da historia e a ocupación máis longa; falounos dos ‘checkpoints’ ou pontos de control; da dificultade de acceso aos servicios básicos de auga e electricidade; do desastre humanitario de Gaza, o meirande gueto da humanidade; dos 11.100 presos políticos palestinianos algúns deles con máis de trinta anos de cadea; falounos da relación de violencia, un israelí morto por corenta e cinco palestinos, pero deixando claro que tan importante é a vida dun israelí coma a dos corenta e cinco palestinos; falounos do valado (ata agora 850 kilómetros de longo e 8 metros de alto) que afecta á vida cotiá de milleiros de persoas; falounos da ‘segregación de estradas’ pola que un palestino se enfronta a seis meses de cadea se circula por unha vía israelita.


Falounos e ensinounos o pobo de Qalquilia, onde os seus 40.000 habitantes, case todos labregos, quedaron afastados das súas terras polo valado. O pobo aseméllase a unha fortaleza medieval onde as portas son abertas e pechadas polos soldados israelís, a xente non pode saír sen permiso e cando sae ten que cumprir un determinado horario. Falou nos de Antoinet e poidemos ver o sufrimento desta muller cando o Exército israelí invadiu o seu pobo.


Falounos de Neia, unha muller embarazada que cometeu o terrible erro de non calcular ben cando ía poñerse de parto e cando isto ocorreu ‘non era o horario establecido para saír’. O neno morreu. Falounos de Mohammad Alimawi, un mozo de 22 anos do barrio de Shikgaieya en Gaza, o paciente número 167 que morría en Gaza aquel mesmo día por non poder chegar ao hospital debido ao bloqueo israelita. Tráxicas e innecesarias mortes e todas elas perfectamente evitables, para algúns; vidas baratas e reemplazables para outros.


Falounos dos seus amigos xudeus, dos israelitas que non están dacordo con esta política do seu Goberno, da comunidade internacional, e falounos das solucións centradas en dous aspectos básicos: o respeto as fronteiras de 1947 e a presión internacional sobre Israel.


Debo confesar que admiro deste home, sobre todo, e por vivir onde vive: o non caer nesa retórica convencional de bos e malos, do ollo por ollo, de seres superiores e inferiores...; o haber sabido xuntar a tódalas persoas e organizacións independentes importantes encol dun programa político que aglutina a israelíes, europeos, africanos, asiáticos e árabes, e sobre todo, o pluralismo e a coexistencia que predica. Consola saber que aínda hai persoas que polo menos digan isto.


Te puede interesar