Opinión

Palestina, outra vez

Non, non ía escribir nada esta vez sobre o que está pasando en Palestina.Escribín varios artigos publicados neste mesmo xornal cada vez que algo máis grave, se cabe que o cotián, acontece nesta zona, e agora,a verdade, non sabía que dicir que non houbese dito antes. Pero, como pode un quedarse indiferente perante semellantes feitos?, como a morte indiscriminada de, no momento de escribir este artigo, 417 civís pode deixarnos impasibles?, como se pode considerar a 1.500.202. persoas, que viven en Gaza, ‘entes hostís’? Olle vostede, son 1.500.202 persoas, na súa maioría refuxiadas, aloxadas en oito acampamentos e carentes dos servizos mínimos indispensables porque vostedes sométenlles a un bloqueo inhumano e ilegal. Como pensa Israel que vai destruír a Hamás usando o matanza masiva dunha poboación que os elixiu nas furnas? Como pensa Hamás que vai destruír a un Estado legalmente constituído no político (o de territorialmente sería tema doutro artigo), ...


Onte un amigo, coñecedor de miña ‘paixón’ pola cultura árabe e hebrea preguntoume por que non escribía nada e lembroume aquelas palabras que Hermann Broch, pronunciou en plena persecución nazi ‘o peor crime de Europa é a indiferenza’. Estou plenamente convencida diso, pero agora cambiaría o de Europa polo Mundo, e é esta crenza a que me leva a escribir estas liñas. Díxome tamén o meu amigo, ‘ti estiveches en Israel, porque non o contas, hai un total descoñecemento sobre como son uns e outros’.


Disto tamén estou plenamente convencida, e é máis, creo que é este descoñecemento o que radicaliza as nosas propias posturas. É normal que perante unha guerra ou perante un simple conflito nos deixemos levar por esa visión tan simplista de quen son os bos e quen os malos. Pero como acontece en case todos os casos, esta non é unha loita entre bos e malos, entre Caín e Abel. Isto é moito máis complexo e xa foi tema doutro artigo anterior.


Cando Ben Gurion, o mesmo que dicía que a lei internacional era papel mollado, o 14 de maio de 1948 pronunciaba esta frase : ‘Am Israel jai be Israel’ (o pobo de Israel vive en Israel), pechaba un período de miles de anos de persecucións, mortes e diáspora do pobo xudeu pero abría o período máis sanguento da terra que manaba ‘leite e mel’. Nacía a disputa por un territorio entre dous movementos nacionais con diferentes proxectos nacionais que provocou a intromisión das potencias durante a Guerra Fría; co tempo implicou a outros actores rexionais, ocasionando conflitos bélicos, e complicouse aínda máis ao misturárense ideoloxías, relixión, control dos recursos naturais, intereses internacionais e un longo etcétera, ata que a terra deixou de manar leite e mel para dar paso ao maná das balas, a morte, o sangue, o odio e o rancor. Hoxe a existencia dun supón a negación do outro.


Que vin en Israel? Recoñecendo que dúas semanas non dan para moito e moito menos para coñecer un país e as súas xentes, e disto xa fai algún tempo. Vin dous Israeles distintos completamente: Por unha beira, o Israel dos colonos, ultraconservadores, ultradereitista e ultrarelixiosos con asentamentos de valado a valado, defensores dunha nación sagrada e pechada , e aos que toda a terra palestiniana lles pertence por designio divino; e por outra o Israel laico, racional e pragmático defensores dunha nación aberta, que dá e recibe. Que vin nos Territorios Palestinos?, vin un pobo dependente e aillado.


E en conxunto vin un feito, cando menos, senlleiro: como a terra que máis contribuíu a conducir os homes a Deus é a que máis odio masivo enxendra.


Vin moitos checkpoints, moitas zanxas, moito valado de formigón parte construído e parte en construcción, moito aramado, moito soldado, moitos postos militares, moitos míseros campos de refuxados... en fin, vin a brutalidade dunha ocupación.



Te puede interesar