Opinión

Unha reflexión e moitas preguntas

Es deseable que una nación sea lo bastante sólida en sus tradiciones y honor para tener la valentía de denunciar sus propios errores. Pero es peligroso exigirle que se reconozca culpable y sólo culpable y condenarla a una pena perpetua(Albert Camus).


Reflexión: Sen esquecemento non hai perdón. Nunca entendín esta expresión e cantos máis anos teño menos a entendo. Verán, non sei se a vostedes lles pasa isto pero a min acontéceme, cada vez máis a miúdo, que tento lembrarme de cousas e non podo, e outras veces, por sorte cada vez sucédeme menos, desexaría esquecer outras e non o consigo. Preguntáronse algunha vez por que nos pasa isto? Supoño que será porque o esquecer ou lembrar algo depende da memoria que un teña e a memoria é unha facultade que non depende da nosa vontade. A conclusión é obvia, se alguén ten boa memoria, aínda que non queira, lembrará cousas que lle pasaron. Logo vén os psicólogos e dinnos que o recordo dun feito depende da súa carga afectiva, e hai sucesos que teñen gran emotividade, polo que quedan fixados moito máis tempo no noso recor do. Por conseguinte, o feito de que un non esqueza algo non significa que non perdoe, só significa que ten boa memoria. En troques, o perdón é un acto voluntario, unha decisión persoal. Penso que se pode lembrar un feito desagradable e ao mesmo tempo non sentir resentimento nen sufrir por el. Agora que o penso, isto do perdón non dependerá máis de como recordemos un feito ou un suceso que do seu esquecemento?


Preguntas: Resulta que un xuíz decide investigar aos desaparecidos da Guerra Civil. Non sei se xuridicamente ten competencia, se a súa decisión é sensata, se é factible,se busca protagonismo,se e quixotesco, en fin que todo iste barullo que se armou non me interesa. Interésanme máis as persoas que hai detrás disto, persoas con nome e familia e plantéxome unha morea de preguntas: Que a xente lem bre aos seus mortos é malo?, buscar a un morto é buscar vinganza?, pódese impoñer o esquecemento por decreto?, ten dereito unha persoa a buscar a un familiar para darlle santa sepultura, sepultura laica ou o que crea convinte?, por que isto molesta?, que relación hai entre querer dar un honroso enterramento a un familiar morto hai setenta anos con fomentar o rancor?, o 65% dos españois que segundo as enquisas é partidario de que se investigue aos desaparecidos, sexan do bando que sexan, son rancorosos?, teño dereito a impoñerlle ao meu viciño que non busque ao seu avó para enterralo ou negarlle o dereito a coñecer por que morreu?, hai mortos de primeira e mortos de segunda? En fin, será cousa dos anos pero non me aclaro.Hai tempo lin unha frase que me gustou e que quería lembrar aquí: Mentras os leóns non teñan historiadores que escriban a súa historia, esta sempre lle dará a razón aos cazadores. Pensen nela.



Te puede interesar