Opinión

Sesenta anos de dereitos humanos

‘Los hombres construimos demasiados muros y no suficientes puentes’.


(I.Newton)


Todos os seres humanos nacen libres e iguais en dignidade e en dereito’, con esta fermosa frase comeza a Declaración Universal dos Dereitos Humanos cuxo 60 aniversario conmemórase esta semana en todo o mundo. Esta celebración debe ser unha ocasión para render homenaxe ás numerosas persoas que loitaron e seguen loitando para facelos realidade; ocasión para que todos e todas nos deamos conta que os dereitos humanos máis fundamentais seguen a ser violados diariamente en moitos países do mundo, incluídos os desenvolvidos; ocasión para que nos deamos conta que aínda queda moito camiño para lograr a humanización do ser humano.


Pero fagamos un pouco de historia. Inspirada na declaración francesa dos dereitos humanos e do cidadán e a declaración da Independencia de Estados Unidos, a Declaración Universal dos Dereitos Humanos remonta a súa orixe ás consecuencias da Segunda Guerra Mundial.


Motivados polo xenocidio nazi e os acontecementos que tiveron lugar durante esta guerra, todos os países tomaron a decisión de crear un código moral, ético e sobre todo xurídico que amparara o que desde a Revolución Francesa se recoñecía como os dereitos inalienables do home. E, así, o 10 de decembro de 1948 quedaban fixados en París, a cidade das liberdades, os 30 artigos que forman esta declaración. Nembargantes, durante toda a segunda metade do século XX foron trepados, violados e esquecidos. Non impediron execucións sumarias, desaparicións, torturas e masacres. Non impediron que a represión, a limpeza étnica, o terrorismo de Estado e a discriminación racial empapase todo este século considerado como un dos máis violentos da Historia.


Hoxe abonda con botar unha ollada aos informes de organismos internacionais e de diversas ONGs para constatar a situación na que se atopan milleiros de persoas afectadas pola fame, as doenzas, a ignorancia e a pobreza. Millóns de persoas para as cales estes dereitos son papel mollado.


Para constatar que unha cousa é a teoría e outra a práctica cotiá, que nos mostra como en Darfur seguen a cometerse as bar baridades habituais sen a menor reacción internacional; que Israel segue esmagando aos palestinos en medio da maior catástrofe producida polo bloqueo israelí en Gaza; que en China se ditan duras condenas contra os ‘revoltosos’ do Tibet; que os activistas de dereitos humanos do Sáhara Occidental sofren torturas, acosos e anos de cárcere só por defender a independencia e denunciar os abusos; que en países como Chechenia, Osetia do Norte, Afganistán, Iraq, Congo,... seguen existindo guerras ignoradas que causan centos de mortos e desprazados; que, segundo o derradeiro informe de Amnistía Internacional, en 71 países emprégase a tortura e os malos tratos e en 78 segue existindo a pena de morte; que a tortura, a violencia de xénero e a inmigración, xunto coas inxustizas sociais, convertéronse en formas de violación de dereitos no noso mundo desenvolvido e ‘civilizado’.


A loita a favor dos dereitos humanos é unha tarea inacabada e depende de todos. Todos debemos ser axentes de cambio, todos temos a obriga de contribuir a defensa destes dereitos. A verdadeira utopía somos nós, cos nosos pequenos xestos, cos nosos pequenos actos.



Te puede interesar