Opinión

¿Somos solidarios ou esmoleiros?

Non, non vou respostar á pregunta. Pretendo que cada un de nós resposte por si mesmo. Só vou facer unha pequena reflexión. A semana pasada, por mor de celebrarse a Semana contra a pobreza, tivo lugar en Ourense unha concentración á que puiden asistir e que me fixo reflexionar moito sobre isto. Ouvín neste contexto algunhas expresións que me deixaron abraiada pero que supoño son producto da nosa falta de formación nestes temas ou iso quero crer: ‘Eu non vou a este tipo de cousas porque xa fago algún donativo e dou roupa e xoguetes’, ‘Non sei para que vos matades, isto non lle interesa a ninguén’, ‘Eu sonche moi solidario pero as reinvindicacións non me gustan’, ‘Eu xa colaboro cunha ONG’, ‘Unha sinatura non serve para nada’... Deixando claro que facer donativos e doar cousas está moi ben e é de gran axuda aínda que non suficiente, que cada quen vai onde lle peta e que para poder aprender a pescar hai que ter o ‘bandulliño’ cheo, isto tróuxome á cabeza unha famosa tira de Mafalda que reflicte con humor e acerto o concepto que algúns e algunhas teñen da solidariedade. Nunha conversa dille Susanita a Mafalda: ‘A mí también me da lástima esa gente pobre. Por eso cuando seamos señoras mayores nos asociaremos a una fundación de ayuda al desvalido y organizaremos banquetes para recaudar fondos para poder comprar a los pobres harina, sémola, fideos y esas porquerías que comen ellos’. Con isto non pretendo poñer en dúbida a vondade destas persoas. As miñas dúbidas aparecen cando acubillamos isto baixo o paraguas da solidariedade.


Acontece a miúdo que certas palabras de tanto empregalas, convértense nun caixón de xastre e chegan a perder o seu verdadeiro significado. É normal que a visión dun mendigo na rúa, un desastre natural, unha guerra ou unha situación de fame esperten en nós un desexo natural de axudar a esas persoas, entón dicimos que somos solidarios. Pero eu pregúntome se somos conscientes do que supón a solidariedade e se o que estamos facendo é unha actitude de bágoa centrada na esmola ou na solidariedade? Teño unha amiga que sostén a idea de que en xeral cremos que isto cambia a situación destas persoas. Eu, movida probablemente pola miña inxenuidade e a miña ignorancia nestes temas, cría que a solidariedade era moito máis ca iso, era a reivindicación de dereitos fundamentais, ir a raíz, ás causas desas situacións.


Lémbrome dun conto que nos pode axudar a clarificar ideas. Nun afastado país houbo unha vez unha época de gran pobreza, onde só algúns ricos podían vivir sen problemas. As caravanas de tres daqueles ricos coincidiron durante a súa viaxe, e xuntos chegaron a unha aldea onde a pobreza era extrema. Era tal a súa situación, que provocou distintas reaccións a cada un deles, e todas moi intensas. O primeiro rico non puido soportar ver aquilo, así que tomou todo o ouro e as xoias que levaba nos seus carros, que eran moitas, e repartiunas todas entre as xentes do campo. Logo partiu desexándolles sorte. O segundo rico, ao ver a súa desesperada situación, parou con tódolos seus serventes, e quedándose o xusto para chegar ao seu destino, entregou a aquelas persoas todo o seu xantar e bebida, pois vía que o diñeiro nos lles servía. Asegurouse de que cada un recibise a súa parte e tivese xantar para certo tempo e marchou. O terceiro, ao ver aquela pobreza, acelerou e paso de longo, sen sequera deterse. Os outros ricos, mentres ían xuntos polo camiño, comentaban a súa falla de solidaridade. Menos mal que alí estiveran eles para axudar a aqueles pobres! Pero tres días despois, cruzáronse co terceiro rico, que viaxaba agora na dirección oposta. Seguía camiñando rápido, pero os seus carros cambiaran o ouro e as mercadorías por aparellos de labranza, ferramentas e sacos de distintas sementes... ¿Cal deles nos gustaría ser?

Te puede interesar