Opinión

Relatos salvaxes

De todos os Relatos salvaxes de Damián Szifron hai tres que me gustan especialmente. Refírome ao do enfrontamento na estrada entre dous homes -interpretados por Leonardo Sbaraglia e Walter Donado- que rematan matándose dun xeito absurdo, ao do mozo homicida -Alan Daizc- incapaz de facer fronte á súa responsabilidade e ao do Bombita. Estas tres historias son certamente crueis e divertidas. Non é que as outras non o sexan. Simplemente impactan menos.

Na primeira das mencionadas vemos a un tipo nun Audi, que, ao adiantar ao condutor da camioneta, que non o deixaba pasar, chámalle “negro resentido”, amais de lle facer un xesto obsceno coa man, antes de proseguir o seu camiño. O que non imaxinaba este home tan ben pintado era que pincharía ao cabo dun par de quilómetros e volvería ver ao mesmo “negro resentido” de antes. Porén, a tensión comeza antes de chegar o “pelotudo” da camioneta. Xa cando vemos ao do Audi intentando arranxar a roda, cheiramos a que se vai montar. O brutallán reaparece na escena con ansias de vinganza. Defeca no parabrisas, colle o gato e golpea con el o cristal. A bestialidade está servida. Absurda e esaxerada, esta breve historia ten o seu aquel de audacia. Porén, ser igualmente audaz en todo non é doado en absoluto.

Escribo isto porque me parece que Szifron sorprende menos cos outros tres relatos restantes. O das vodas, por exemplo, chirría un pouco. O final faise edulcorado. O de Pasternak, o máis breve dos seis, é tan irreal que dá máis risa que outra cousa. Bastante mellor que estes dous é o da asasina do bar de autoestrada, malia que, en todo momento, se intúe o final. Daquela, algo obvio si que é. Por iso, a pesar da atmosfera insá que se pretende, non consegue o impacto dos relatos citados ao principio. En todo caso, o conxunto faise entretido e atraínte. Eis a causa da cantidade de nominacións desta peli. Damián Szifron logrou con estas narracións amosar o lado máis miserábel da natureza humana. No caso do Bombita -interpretado por Ricardo Darín-, Szifron ofrece un claro exemplo de violencia estrutural. Podemos ver nesa historia a desintegración da harmonía na vida cotiá dun home asoballado polo sistema. Iso si, o final estraga un pouco este relato, porque ver ao Bombita no cárcere, recoñecido polos presos e reconciliado coa muller e mais coa filla, ademais de ser algo fantasioso, resta forza á historia.

En definitiva, malia estes pequenos defectos que impiden xerar, nalgúns dos relatos, a atmosfera insá que o arxentino buscaba, paga moito a pena botarlle un ollo a peli.

Te puede interesar