Opinión

Benvidas maxestades

Pasen, pasen vostedes; a casiña é pequena pero cabemos todos!”, dicía a velliña, humilde e graciosa, hospitalaria e amable. Saíalle de maneira natural o trato cordial, a excelsa arte de saber recibir, sendo o mellor protocolo a boa vontade. Coma se noutra vida a señora María fora filla de reis ou embaixadores, que nacera en branco roulo e lle perfumaran as mans con frescas rosas! A súa mirada era limpa e agarimosa, na súa presencia sentías que o seu suave silencio te limpaba das mediocridades de fora e nacíache o desexo de ser coma ela: unha dama de porte elegante, de armoniosos movementos, de mente de horizonte aberto -insondable- naquela casa diminuta que de súpeto se convertera para ti nun palacio.

Nós, abrímoslle hoxe as portas da Cidade de Ouro, onde o que brilla e resplandece é a boa vontade desta xente que, coma a señora María, permítenos pasar ó fogar onde cada día loitamos por ir a máis e mellor, onde os nenos seguen sendo inocentes e os adultos bebemos deles para contaxiarnos da súa fantasía, pois queremos seguir sendo a Terra da Chispa.

Pasen, Maxestades, a este lugar “onde o mundo se chama Ourense” e no que desexamos que o curso escolar, e o seu novo andar como monarcas, estea cheo de ilusión e ledicia. Pasen. Dentro agárdannos os nenos -verdadeiro calor do noso lar-listos coma centellas, agudos coma allos, cheos de grandeza sendo tan pequenos… Eles son as nosas Burgas, o Noso Cristo, a Ponte na que nós, seus pais, albergamos todos os nosos soños. Eles son o tesouro que protexemos, o futuro que coidamos, a esperanza dun mundo máis xusto e máis nobre que sexa benévolo con eles.

A cidade dourada é pequeniña, Maxestades, coma o é a semente das grandes árbores, delicada coma as rosas, profundamente artística, misteriosa e poética. Míren nos ollos dos nosos nenos, Maxestades, e xa verán como se asoman ó insondable.

Te puede interesar