Opinión

Don Quixote e os cabaleiros da ESO

Creo que nos torcemos de camino, leal Sancho… Que Rocinante pensou ser o cabalo Clavileño e tan grande chouto diu que nos apartou da Ribeira Sacra e tróuxonos a outro bendito lugar. Pero ben sabes ti que propio de cabaleiros andantes e ir sen rumbo alá a onde nos leven os invisible lazos da fortuna. 

-Ben sei eu desa lei da cabalería, vuesa mercede, que nesta ocasión achegounos ata un céntrico colexio da cidade dourada, pois ese grupo de xente que ven aí semellan colexiais co chándal idéntico. 

-Cabaleiros, Sancho, valerosos e nobres cabaleiros. Non os ves? Todos eles vestidos con traxe negro e encarnado coma os samuráis, coma os homes de honor e gloria que librar veñen unha singular batalla. 

-Contra nós, señor? Outra tunda… non!

-Non Sancho. Estes que ves chegar formando unha piña, coa cabeza alta, seguros de si e dispostos a contarnos as súas fazañas son intelectuais. Podo recoñecelos con total seguridade, teñen un porte especialmente enigmático. Así que, non empregues, Sancho amigo, diante desta xente eses teus refráns -que eu ben sei que es amante de filosofar co saber popular…- pero, con esta xente culta, xa sabes, clase, Sancho, moita clase. 

-Non se preocupe vuesa mercede, que sei ben que “pola boca morre o peixe” e que en “boca pechada non entran moscas”.

-Ós bos días, distinguidas criaturas. Son Don Quixote da Mancha. 

-Si. ”Dun lugar de cuxo nome non quero acordarme”. Benvido excelente señor! Viñemos a saudalo e agradecerlle a súa presenza no noso humilde colexio. 

-Ves, Sancho, coñécennos! Oh distinguidas e nobres criaturas, no momento que vos vin souben do voso linaxe e alta alcurnia, despregando prestixio, educación e elegancia! Propio de grandes é chamarlle humildade. Dicídeme a que alta clase pertencedes, misteriosos personaxes?

-Nós, señor, somos os Cabaleiros da ESO, e á clase imos pois empezando estamos esta nova etapa cun novo curso. 

-ESO deben ser as siglas de: Estudantes Sabedores do Oculto. 

-Molaría que fora así pero é Ensinanza Secundaria Obrigatoria, a fase na que nos comeza a adolescencia.

-Pois para min sodes os sabedores, os descifradores de códigos, os que buscan o PIN, a clave que abre o voso mundo particular. Oh valentes cabaleiros e preciosas damas que esta nova aventura sexa fermosa e fecunda e que os vosos mestres saiban aproveitar a vosa limpa mente para inculcar, cando sexa menester, os valores e virtudes eternos e universais dos nobres cabaleiros

-Señor Don Quixote, sabería vostede que significa ESO? 

-Seguindo a miña lóxica debería ser Estudantes Sabedores do Coñecido, non si?

-É o seu archienimigo, o Estudante Sansón Carrasco. Debemos dicirlle señor, para que non morra confundido, que el é o cabaleiro da Branca Lúa e o dos Espellos. ese que vostede pensa que o venceu definitivamente. Non é certo, señor, vuesa mercede non sairá derrotado desa singular batalla, mais ben, señor, será un heroe, un ídolo de masas no que nos refuxiaremos os moitas veces incomprendidos. Será vuesa mercede para todos nós un referente, un soñador fascinante. O ben e a beleza sempre trunfan! Sansón Carrasco non o derrotou, ó contrario: fíxoo inmortal.

-Sancho, Sancho, viches como saben do oculto estes rapaciños da ESO! Escoitaches o seu doce corazón? Sancho, estás chorando! 

-Ai, señor Don Quixote, corazón de ouro é o que eles teñen… Menos mal que nos contaron a verdade, e ese fachendoso personaxe non envileceu o noso bo nome. Cantas nos fixo pasar, malo demo o coma! Pero… se nos fixo inmortais, eso vale máis ca Insula Barataria, meu señor!

-Nobre Sancho, vaiamos con estes mozos á clase de literatura…a ver que cara pon a profe cando nos vexa. 
 

Te puede interesar